Skip to main content
ActualidadeRibadeo

Arrinca o obradoiro RibadeoXCamiño

Por 19 Decembro, 2020Sin comentarios

Arrinca o obradoiro RibadeoXCamiñoComeza a súa andaina o novo obradoiro de emprego #RibadeoXCamiño, que se desenvolverá ao longo dos vindeiros nove meses. O acto de apertura, ao que acudiron o alumnado e o profesorado participantes, tivo lugar no salón de plenos do Concello de Ribadeo. Con eles estiveron o alcalde, Fernando Suárez, e o concelleiro de Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso.

O obradoiro de emprego #RibadoXCamiño, que se estenderá ata o mes de setembro de 2021, iníciase con 20 persoas desempregadas, que recibirán formación e práctica profesional nas especialidades formativas de Promoción turística local e información ao visitante e Desenvolvemento de produtos audiovisuais multimedia interactivos. Á contratación do alumnado súmase un director e dúas persoas monitoras.

O edil ribadense dirixiuse ao alumnado dándolle a benvida ao acto polo que se inicia este novo obradoiro de emprego, promovido polo Concello de Ribadeo e cofinanciado pola Xunta de Galicia, con fondos finalistas transferidos polo Servizo Público de Emprego Estatal.

Pablo Vizoso dixo que “o Xacobeo 2021 vai constituír unha oportunidade única e extraordinaria de repercusión mundial que nos permitirá poñer en valor a nosa cultura e paisaxe, a nosa memoria e o talento local para atraer recursos e dinamizar a nosa economía, especialmente nas zonas rurais, e para impulsar accións innovadoras”.

O concelleiro de Desenvolvemento Local sinalou que “aproveitando esta circunstancia, o Concello de Ribadeo desenvolveu este programa, coa pretensión de dar a coñecer, non só ao peregrino/a, senón tamén ao conxunto da cidadanía, administracións públicas, entidades privadas e aos nosos/as viaxeiros/as, o Camiño de Santiago en terras de Ribadeo, que discorre por un territorio que conserva en gran medida as formas e modos de vida tradicionais, o que permite a identificación sobre o terreo dunha paisaxe cultural auténtica, asociada a unha ruta que está conformada por bens que teñen un gran valor cultural desde o punto de vista histórico, arquitectónico, arqueolóxico e etnográfico, ademais dos valores inmateriais como depositarios das actividades e costumes tradicionais que se conservan”.

Actividade formativa

Viozoso Galdo subliñou que “o primeiro gran obxectivo a cumprir neste proxecto é que os 20 alumnos/as participantes, que ata a súa incorporación ao proxecto estaban en desemprego, adquiriran a formación e destrezas profesionais necesarias para acceder ao mercado laboral. Neste obradoiro de emprego impartiranse dúas especialidades formativas dirixidas á obtención por parte dos participantes do correspondente certificado de profesionalidade. A especialidade de Desenvolvemento de produtos multimedia interactivos con dez alumnos/as traballadores/as, posibilitará que á finalización do proxecto, o alumnado poida desenvolver a súa actividade profesional no ámbito da produción multimedia interactiva e non interactiva. Na especialidade de Promoción turística local e información ao visitante os/as dez alumnos/as traballadores/as poderán obter un certificado de profesionalidade que lles permita exercer as súas funcións no ámbito profesional da información e promoción turísticas”.

Actuacións principais

O concelleiro ribadense explicou que “entre as principais actuacións que se levarán a cabo durante o obradoiro de emprego #RibadeoXCamiño destacan as de desenvolver dous produtos audiovisuais multimedia interactivos dos distintos recursos patrimoniais: naturais, culturais e históricos que rodean ao Camiño Norte no termo municipal de Ribadeo. Estas ferramentas  audiovisuais teñen a finalidade de poñer en valor a pegada da tradición xacobea na historia e no patrimonio arquitectónico e cultural da vila de Ribadeo. Tamén se levará a cabo o deseño, planificación e desenvolvemento da Oficina de Información ao peregrino e do Centro de Interpretación do Santuario de Nosa Señora das Virtudes que se instalará na parroquia de Arante”.

E engadiu: “en conclusión, con este novo proxecto, o Concello de Ribadeo, conseguirá dar un pulo á promoción do Camiño Norte ao seu paso pola vila de Ribadeo e os recursos naturais, culturais e históricos vencellados ao mesmo como destino turístico, xestionando servizos de información turística e participando na creación, comercialización e xestión de produtos e servizos turísticos locais”.

Pola súa banda, o alcalde, Fernando Suárez, manifestou: “ para vosoutros entendo que os vai ser moi útil e para o Concello tamén vai ser moi útil todo isto. Estamos moi orgullosos do que estamos facendo cos obradoiros nestes últimos anos, tanto nos que temos de arquivo para recuperar a historia documental de máis de cinco séculos do Concello de Ribadeo, que estaba nunha montaña de papeis e agora somos un exemplo a nivel europeo, e logo tamén deste tipo de obradoiros turísticos. Estamos aproveitando moito o produto do voso esforzo que nos queda aquí como valor engadido para as ducias de miles de visitantes que veñen ao ano porque cada vez estamos innovando máis. Con estas cuestións de informática, de novas tecnoloxías, de informar ao visitante en varios idiomas, que antes de vir nos vexan en 360º, que teñan visitas guiadas virtuais e visitas guiadas reais. Temos unha potencia moi grande para o concello pequeno que somos, non deixamos de ser un concello de 10.000 habitantes sen máis, pero que moitas veces en materia turística estamos avanzando moito nestes últimos anos, tamén en parte grazas ao traballo e o esforzo que deixan os obradoiros”.

O rexedor agarda que “este obradoiro sexa moi bo, para vosoutros e para nosoutros, confío en que así pode ser e confío que empecemos este ano con esta máscara e dentro de nove meses, cando acabemos, poidamos estar sen máscara para entregar os títulos”.