Skip to main content
ActualidadeBurelaMar AMARIÑAXA

Rematan as obras de ampliación do abrigo de Burela

Por 21 Decembro, 2020Sin comentarios

Rematan as obras de ampliación do abrigo de BurelaA Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, vén de recibir as obras da segunda fase da ampliación do abrigo do porto de Burela, na que a Xunta investiu 1,2 millóns de euros. A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, e o delegado territorial do Executivo galego en Lugo, Javier Arias, visitaron esta mañá a zona para comprobar o remate dos traballos e a habilitación do espazo de atraque xerado grazas ao novo  tramo de dique.

As obras consistiron na construción dun peirao de oito metros na dirección xa existente e doutros 50 metros adicionais en ángulo con aquel, para mellorar o abrigo do porto e ampliar o atraque. A súa misión fundamental é a de reducir a axitación do interior das dársenas así como conseguir maior capacidade de atraque e servir para amortecer a ondada que exerce o dique de abrigo.

Esta actuación completa a primeira fase do abrigo executada en 2015 e únese a outras recentemente executadas no mesmo porto, como a reposición da cuberta dos departamentos de armadores, a reparación da cuberta da nave de Expomar e o corte do recalce do peirao que emprega o estaleiro Armón. Así mesmo, a presidenta de Portos de Galicia anunciou que o seu departamento vén de adxudicar a mellora da nave de redes de Burela por importe de 287.000 euros. “En total, no último ano o ente público destinou a Burela 1,6 millóns de euros”, sinalou representante do Executivo galego.

Pola súa parte, o delegado territorial da Xunta en Lugo destacou que as actuacións financiadas pola Consellería do Mar no porto de Burela, “serven para mellorar tanto as condicións de traballo dos pescadores como a súa seguridade e para incrementar a capacidade do atraque do porto, o que contribuirá a aumentar a competitividade do sector”.

Visita ao estaleiro

Susana Lenguas e Javier Arias tamén comprobaron na súa visita a Burela o avance dos traballos de fabricación dunha embarcación de 63 metros de eslora con carácter auxiliar para megaiates que se está a construír en Astilleros Armón. Os representantes da Xunta subliñaron a aposta da Administración galega polo apoio xurídico e administrativo a todas as empresas que desenvolven a súa actividade nos portos autonómicos e “actúan como dinamizadores económicos das vilas que os acollen”. Finalmente a presidenta de Portos de Galicia explicou que o seu departamento está tramitando unha ampliación da concesión a esta empresa para aportar estabilidade “e afianzar a importante actividade que realiza no porto de Burela”.