Skip to main content
ActualidadeAMARIÑAXAViveiro

A Xunta comprométese a axilizar o recoñecemento oficial do Camiño do Mar

Por 23 Decembro, 2020Xaneiro 27th, 2021Sin comentarios

O Concello de Viveiro obtivo o compromiso por parte de Xunta de axilizar os trámites necesarios para a oficialización do Camiño do Mar.

A directora xeral de Patrimonio Cultural a Xunta, María del Carmen Martínez Insua, mantivo unha reunión telemática coa alcaldesa do Concello de Viveiro, María Loureiro, e os concelleiros Jesús Fernández, tenente de alcalde, e María Soledad Rey Yáñez, concelleira de Turismo. Tamén participou Manuel Vicente González, presidente da Asociación Camiño do Mar.

O obxectivo da reunión era coñecer o estado da tramitación e a disposición de levar a cabo a oficialización do Camiño do Mar no próximo ano Xacobeo 2021.

Sendo competencia da Xunta de Galicia o referido recoñecemento oficial, dez anos despois da súa aprobación polo Parlamento, a directora xeral de Patrimonio Cultural comprometeuse a estudar o caso e a darlle celeridade para a posible oficialización.

Manuel Vicente González, presidente da Asociación Camiño do Mar, enviaralle de novo toda a documentación para axilizar o recoñecemento, que suporá un impulso á comarca, e en particular a sectores como a hostalería e o comercio.