Skip to main content
Ribadeo

Un libro lembrará a historia do grupo de gaiteiras ribadense Saudade

Por 28 Decembro, 2020Decembro 18th, 2023Sin comentarios

Un libro lembrará a historia do grupo de gaiteiras ribadense SaudadeA Xunta de Galicia comezará en breve a edición dun libro documental de Saudade, o primeiro grupo de gaiteiras de Galicia, de España e posiblemente de Europa, nado en Ribadeo en 1961. Hoxe tivo lugar a presentación deste ambicioso e interesante proxecto cultural, da man da que será a súa principal impulsora, a comunicadora audiovisual María Acuña, filla dunha das integrantes, acompañada de María José Gómez, en representación da Consellería de Cultura, Educación e Universidade en Lugo, e do deputado no Parlamento, Dani Vega. Xunto a eles estivo o profesor e investigador do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, Armando Requeixo, ademais de varias das integrantes do colectivo formado na década dos anos sesenta do século pasado.

Esta nova iniciativa cultural e histórica comezará en breve a súa preparación, grazas ao respaldo da Xunta de Galicia, que colabora a través da Consellería de Cultura, Educación e Universidade. Os promotores do proxecto chamaron a atención sobre “a importancia que tivo este colectivo nunha época de efervescencia social e política, e en concreto para a reivindicación do papel das mulleres na ámbito da música”.

No transcurso da presentación a escritora María Acuña destacou que “o que pretendemos con este proxecto é recuperar e poñer en valor a historia deste colectivo, e para iso tanto no libro como no documental audiovisual tomarán parte as mulleres que formaron parte del para achegar a historia do grupo Saudade con testemuñas de primeira man. De feito, serán parte moi activa do proxecto”.

Será, en definitiva, un traballo exhaustivo e amplo, no que participarán persoas da época que poderán explicar que supuxo para a sociedade ribadense e, en certo modo, para a galega este grupo pioneiro, integrado unicamente por mulleres, así como os movementos que foron emerxendo nese momento.