Skip to main content
ActualidadeViveiro

O PP de Viveiro reclama a mellora do pavimento da praza Pastor Díaz

Por 29 Decembro, 2020Sin comentarios

O PP de Viveiro reclama a mellora do pavimento da praza Pastor Díaz“O estado dos cascos históricos das cidades é un dos mellores espellos da capacidade de xestión dos gobernos municipais. No caso de Viveiro, o estado do pavimento da praza máis relevante, a dedicada a Pastor Díaz, na que se atopa a casa consistorial, di moito do desinterese do equipo presidido por María Loureiro pola imaxe da cidade e tamén pola seguridade dos peóns”. Así o sinala o portavoz popular do PP, Óscar Rodríguez, que anuncia que o seu grupo presentará unha iniciativa no pleno da corporación para a mellora do pavimento da citada praza.

A praza Pastor Díaz está pavimentada en gran parte con laxas de granito, que, debido ao moito tempo que teñen, acusan un notable desgaste e configuran un firme moi irregular. Como consecuencia, segundo destaca Óscar Rodríguez, son frecuentes os tropezóns e as caídas de peóns. “Polo tanto, está claro que, dende o punto de vista da seguridade, é necesario mellorar o pavimento desta praza, antes de que haxa que facelo porque se produza un accidente con consecuencias graves”. Engade: “É inaudito que esta praza teña o pavimento como o ten sendo un dos ámbitos do recinto histórico polo que pasa máis xente cada día”.

Rodríguez di que ao longo dos anos avanzouse paulatinamente na substitución ou mellora dos firmes das distintas rúas e prazas do casco histórico, pero, “sorprendentemente, a renovación ou mellora non chegou á de Pastor Díaz, que é unha das máis relevantes de Viveiro e na que está a casa consistorial”.

Os populares destacan que a praza énchese de auga cando chove, de maneira que camiñar por ela resulta incomodísimo.

Rodríguez di: “Non é normal que o firme desta praza se manteña no estado no que se encontra; hai que melloralo e para abrir o camiño para conseguilo, os concelleiros do PP presentaremos proximamente unha iniciativa ao pleno da corporación; esperemos que o goberno local atenda esta iniciativa, que responde ao sentir de numerosos veciños de Viveiro”.