Skip to main content
ActualidadeFoz

O Concello de Foz firma un convenio cos Reis Magos para o reparto de agasallos

Por 29 Decembro, 2020Sin comentarios

O Concello de Foz firma un convenio cos Reis Magos para o reparto de agasallosAs Casas Reais dos Magos de Oriente e o Concello de Foz asinaron un convenio interadministrativo para facilitar a entrega de agasallos ás nenas e nenos focegos neste Nadal 2020 a pesar das restricións horarias pola pandemia.

Nun contexto especialmente duro pola crise sanitaria, que provocou moitas dificultades ás pícaras e pícaros focegos, e tendo en conta que o comportamento das nenas e nenos de Foz foi excelente, salvo casos moi puntuais e en contadas ocasións, as Administracións asinaron este acordo para facilitar a entrega de agasallos.

Os asinantes analizaron e trataron en profundidade as dificultades do horario de restrición de mobilidade ás 23 horas e as escrupulosas medidas sanitarias para evitar a expansión do covid, que ralentizan a entrega de agasallos en todo o mundo. Por este motivo o Concello de Foz comprométese a expedir certificados aos Reis Magos e aos seus paxes para evitar calquera tipo de problema coas forzas de orde pública nos desprazamentos de entrega de agasallos máis alá das 23 horas, así como facilitará a redacción e entrega das misivas aos Reis Magos, colaborando na disposición de caixas de correo e facilitando modelos oficiais de carta nas tendas e establecementos do Concello, o cal xa está a facer efectivo.

Pola súa parte Melchor, Gaspar e Baltasar comprometéronse a ampliar o seu horario de traballo, dada a ralentización no reparto de agasallos que se prevé; reducirán as partidas de carbón, xa que puideron comprobar que o comportamento das nenas e nenos de Foz foi en xeral excelente; e lembran a tódalas familias que os zapatos, zapatillas e botas que deixen nos andeis das ventás deben estar desinfectados como corresponde para evitar o risco de contaxios.

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, agradece a gran disposición das súas maxestades por asinar este acordo, que “redundará no beneficio de todas as nenas e nenos de Foz. Melchor, Gaspar e Baltasar foron moi atentos coas nosas demandas e así se reflexa neste convenio. Agradecer tamén o traballo de todos os funcionarios do Concello de Foz e das Casas Reais que o fixeron posible. Queremos tamén transmitir unha mensaxe de tranquilidade a todas as cativas e cativos, xa que o bo comportamento, segundo nos indican as súas maxestades, ten sempre a súa recompensa”.