Skip to main content
ActualidadeBurela

O Concello de Burela acorda a conxelación das taxas municipais

Por 30 Decembro, 2020Sin comentarios

O Concello de Burela aprobou, no pleno extraordinario celebrado onte, a modificación das taxas e prezos públicos para 2021. A maioría dos impostos conxélanse e oito sufrirán variacións, que serán positivas para a veciñanza. Desaparecen as taxas por vodas e bautizos civís, e as motos de máis de vintecinco anos non pagarán xa que gozarán dunha bonificación do 100%. Ademais o IBI poderá ser abonado en máis de dous prazos por parte das veciñas e dos veciños que así o soliciten. O alcalde, Alfredo Llano, asegurou que os hostaleiros e os vendedores do mercadiño semanal non pagarán tres meses de taxas, nun caso polas terrazas e no outro pola instalación dos seus postos, e máis adiante estudarase unha posible nova bonificación.

O rexedor declarou que “levamos xa cinco anos nos que, de momento, non subimos ningunha taxa, ningún imposto nin ningún prezo público, ao contrario houbo bonificacións durante estes anos e incluso rebaixas nalgún deles. Para o ano 2021 imos conxelar todos menos oito, que serán os que se van modificar en positivo. Derogamos dous que son para a celebración de vodas civís e bautizos civís e de vehículos de arrastre mecánico. Fixemos outras dúas modificacións, unha delas para as motos de máis de vintecinco anos, ás que non se lles vai cobrar nada porque entendemos que quen garda unha moto durante ese tempo é porque a ten ben coidada ou a está exhibindo. Séguese mantendo a bonificación do 50% para o resto dos vehículos dese tempo”.

Alfredo Llano explicou que “fixemos unha modificación no imposto do IBI porque non queremos que se poña unha data específica de cobranza, que era do 5 de xuño ata o 5 de outubro, agora pode ser noutro momento. Ten que decidilo a Deputación, xa que lle temos transferido o cobro deste imposto. Antes estaba para pagalo en dous prazos e agora, quen o solicite, pode ter máis prazos para abonalo”.

COVID-19

O alcalde subliñou que “suspendemos outras dúas taxas derivado da pandemia do coronavirus. Estamos en conversas tanto coa hostalería como cos usuarios do mercado dos venres, e falando con eles chegamos á conclusión de procurar beneficialos na suspensión do cobro de taxas, por exemplo na hostalería das terrazas e aos usuarios do mercado suspenderlles o cobro durante tres meses a cada un deles. A nosa idea era facelo por un período de seis meses, pero non se pode aplicar no primeiro trimestre por temas de normativa. Xa veremos como vai a pandemia, esperemos que se vaia recuperando a normalidade tanto sanitaria como socioeconómica e no mes de abril veremos como está a situación e se é necesario ampliaremos a tres meses máis a suspensión destas taxas a estes dous colectivos”.

Llano engadiu que “reducimos dúas taxas nun 0´20%, a de sumidoiros e a distribución de auga. Practicamente non tocamos ningunha taxa, salvo nestes casos para que grave moito menos á nosa veciñanza de Burela. Esperemos que todo vaia ben e que para o ano que ven vaiamos recuperando a actividade socioeconómica e a seguridade sanitaria”.

Na sesión plenaria de onte “tamén aprobamos a licitación do contrato do SAF que saíu nun prezo inicial de 662.317 euros, queremos o antes posible renovar este contrato que sería para un máximo de dous anos en principio. Esperemos que todo isto saia canto antes para que teñamos un bo servizo de axuda no fogar. Hai que pensar que este ano foi moi necesario este servizo, sobre todo cando estaba moita xente confinada, houbo moito traballo. Solicitamos trinta e cinco mil horas de traballo para o ano que ven, que poden ser ampliadas”.

PARTIDO POPULAR

Pola súa banda, o Grupo Municipal do Partido Popular de Burela advirte que o alcalde non eximiu finalmente aos hostaleiros locais da taxa das terrazas ao longo deste ano que ven de rematar, faltando así á palabra dada na Xunta de Voceiros da semana pasada.

O voceiro deste Grupo, Manuel Rouco, reflicte que se trata dun incumprimento máis do rexedor socialista, e que se pode comprobar na documentación levada ao pleno extraordinario que a Corporación vén de celebrar.

“O Sr. Llano e a mentira pasean da man por Burela”, afirma o popular, quen lamenta constatar, unha vez máis, que a xestión do goberno local carece de rigor. “Máis ben non existe”, remarca. Proba delo é que a entidade local tampouco abonou un só euro dos 50.000 que presentou como “salvavidas económico” para os autónomos do municipio.

“A irresponsabilidade” do executivo burelés chega a tal punto que a documentación dos puntos da orde do día non se correspondía coa temática a tratar. Ademais de expedientes con documentos en branco, parte das ordenanzas presentadas non tiñan relación coas que eran obxecto de votación. “Unha auténtica trapallada do Sr. LLano e do seu equipo de goberno”, manifesta Rouco.

Asemade, no caso das normas fiscais sometidas a debate, o máis destacable, di, “é o lavado de cara que lles fixo”. “Nin tan sequera profundizou nelas, xa que só conlevan unha rebaixa fiscal ao final do ano que vén duns 10.000 euros”.