Skip to main content
ActualidadeAMARIÑAXA

A Deputación inviste en dotación de servizos en catro concellos da comarca

Por 31 Decembro, 2020Xaneiro 27th, 2021Sin comentarios

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, informou de que a Xunta de Goberno celebrada este mércores aprobou axudas por un total de 355.000 euros para a mellora e dotación de servizos e infraestruturas de concellos e colectivos de toda a provincia.

Tomé Roca subliñou que este investimento “é un exemplo da firme aposta que dende o Goberno da Deputación estamos facendo por apoiar e traballar da man co tecido social e económico da provincia de Lugo. Neste momento de crise sanitaria e económica, as institucións públicas temos que desenvolver políticas centradas nas persoas e centradas na recuperación económica dende o sector público”.

Investimentos para a promoción de Viveiro

Este martes, tamén aprobou a Deputación na Xunta de Goberno un convenio de colaboración co Concello de Viveiro, por valor de 25.000€, para a promoción do territorio, mellora e posta en valor do municipio. Así mesmo, en relación con Viveiro, aprobouse unha subvención de 15.000€ a Old Navy Port Producciones, para sufragar os gastos derivados da edición online do Resurrection Fest.

Axudas para colectivos de Trabada

A Xunta de Goberno aprobou axudas para tres colectivos veciñais do municipio de Trabada co fin de mellorar dotacións comunitarias que prestan un importante servizo á veciñanza. En concreto, trátase de 28.062,18€ para a Asociación de Veciños de San Xulián de Sante, destinada a colaborar co acondicionamento da cuberta do teleclub da parroquia; 40.000€ para a entidade Monte Veciñal en Man Común de Vilaformán, para o acondicionamento tamén da cuberta do teleclub deste núcleo; e de 15.000€ para a Asociación de Veciños de Carreiracha para a instalación de abastecemento de auga potable para 6 vivendas deste lugar.

Mellora  da estrada que vai de Mondoñedo a Cadavedo

En materia de estradas provinciais, a Deputación aprobou o Plan de Seguridade e Saúde para as obras de revestimento da cuneta da LU-P-3102, que vai de Mondoñedo por Argomoso a Cadavedo. Estes traballos de mellora contan cun investimento de 25.000€ e terán lugar entre os puntos quilométricos 7,275 e o 7,780.

Reforzo do SAF en Barreiros

Na reunión deste mércores aprobouse un convenio de colaboración entre a Deputación e o Concello de Barreiros para reforzar o Servizo de Axuda no Fogar do municipio. Concretamente, cos 20.000€ que inviste a institución provincial o Concello adquirirá novo equipamento para este servizo, como material ortoprotésico, que na súa maioría será utilizado polos usuarios e usuarias; e material ofimático, co fin de axilizar a prestación do servizo pois o actual atópase obsoleto atrasando a atención ao público.