Skip to main content
ActualidadeBurela

Nesta ponte festiva Burela ofrece un servizo gratuíto de bicicletas eléctricas

Por 4 Decembro, 2020Sin comentarios

Nesta ponte festiva Burela ofrece un servizo gratuíto de bicicletas eléctricasO Concello de Burela poñerá a disposición da cidadanía do 5 ao 7 de decembro dun servizo de bicicletas eléctricas, totalmente gratuíto, para que as poidan desfrutar durante esta ponte festiva. Estarán na praza do Concello de 10:00 a 14:00 horas polas mañás e de catro a seis da tarde.

O concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández Rey, explicou que “desde a Delegación de Deportes do Concello de Burela queremos anunciar que este fin de semana, o sábado 5, domingo 6 e luns 7, aproveitando estes días festivos que temos, imos poñer a disposición de todos os veciños e veciñas de Burela, que así o queiran, unhas bicicletas eléctricas que van estar situadas na praza do Concello e que van poder collelas para facer un pouco de deporte toda aquela xente que o precise e coa axuda dese motor eléctrico, para quen se lle faga un pouco dificultoso”.

O edil burelés sinalou que “esta actividade encádrase dentro do Plan Único do ano 2020. Debido á pandemia houbo unha serie de actividades que non puidemos realizar como a carreira nocturna e solicitamos á Deputación Provincial que nos cambiaran este tipo de actividades para poder programar outras, e unha que se nos ocorreu foi esta. Na Semana da Mobilidade, que celebramos fai pouco en Burela, fixemos esta actividade tamén e tivo moito éxito entre os veciños e as veciñas, polo que consideramos oportuno poder volver darlles a posibilidade a todos os que o queiran, de desfrutar desta fin de semana deportiva a todo aquel que queira acercarse”.

Ramiro Fernández anima “a todo o mundo a que se pase pola praza do Concello, onde terán a súa disposición as bicicletas, en horario de dez a dúas polas mañás e de catro a seis polas tardes, que é o horario un pouco máis reducido porque agora se fai de noite moito antes. Queremos agradecer á Deputación Provincial a súa disposición para permitirnos facer o cambio destas actividades que tíñamos sen realizar, e aproveitar os fondos que eran dos veciños de Burela para actividades deportivas. Esperemos que a xente desfrute desta actividade, que poidamos facer unha valoración positiva o martes ou o mércores cando teñamos todos os resultados da xente que pasou por alí, e volver invitar a todos os veciños e veciñas que queiran que poden  desfrutar de forma gratuíta destas bicicletas eléctricas”.