Skip to main content
ActualidadeAMARIÑAXAMar AMARIÑAXA

O orzamento de Mar para 2021 é o máis alto da última década

Por 5 Decembro, 2020Xaneiro 27th, 2021Sin comentarios

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, explicou que o orzamento do seu departamento para o próximo ano busca apuntalar a actividade da cadea mar-industria e reorientala naqueles aspectos que deben axeitarse á nova situación marcada pola pandemia da covid-19. Con ese obxectivo, a Consellería do Mar conta para o 2021 con preto de 188 millóns de euros, o orzamento máis alto da última década e que supón unha suba de máis do 12% en relación ao deste ano. 

Esta cifra, engadiu a titular de Mar no Parlamento, afianza o incremento que manteñen estas contas desde o ano 2015 e referenda apostas como a da mellora directa do sector marítimo-pesqueiro, ao que se dedican máis de 100 millóns de euros. Nesta liña, a conselleira explicou que a base destas contas está na dos orzamentos xerais da Xunta que reside “na vontade de blindar e priorizar as necesidades da sociedade”.

Como un dos apoios fundamentais ao sector para mitigar o impacto da pandemia, Rosa Quintana destacou a continuidade do Plan Avantemar para a dinamización do complexo mar-industria, con preto de 13 millóns de euros. Esta cantidade destinarase a paliar en parte as posibles perdas que puidesen ter este ano a cadea mar-industria e as empresas de produción acuícola, fundamentalmente as do mexillón. 

Ademais Rosa Quintana expuxo que a Consellería do Mar está traballando nunha planificación para reorientar o sistema comercial marítimo-pesqueiro para adecuarse á nova situación social e produtiva derivada do coronavirus. Este traballo, especificou, terá a súa base na organización da oferta, na adecuación da oferta á demanda e no estímulo de consumo. 

O orzamento da Consellería do Mar para 2021 tamén busca manter o rumbo da sustentabilidade nos eidos ambiental, económico e social da actividade e facer fronte aos retos que se derivan da actualidade marítimo-pesqueira. Para iso marca ademais unha serie de apostas redobradas. 

Unha delas é a comercialización co fin de mellorala e apoiar a adecuación aos novos formatos demandados pola sociedade nesta situación de pandemia, o que leva a que a cifra desta partida acade case os nove millóns de euros e aumente nun 28%. Nesta mesma liña destacan os apoios aos investimentos das industrias de transformación e comercialización, con case 27 millóns de euros. Outra das apostas redobradas reside na suba dun 34% da partida destinada á prestación de asistencia técnica relativa aos trámites vinculados ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca para dar maior apoio aos administrados na demanda e cumprimentado dos trámites diante da administración. 

A titular de Mar engadiu que os proxectos desenvolvidos ao abeiro das Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo impulsadas polos grupos de acción local do sector pesqueiro tamén son obxecto de esforzo orzamentario. Este apartado, subliñou, suma máis de 18 millóns de euros e un incremento do 15% en relación ao ano en curso co obxectivo de complementar e diversificar a economía costeira co sector marítimo-pesqueiro como eixe central.

A investigación aplicada á produción e extracción de produtos do mar é outro dos ámbitos de redobre que salientou a conselleira, pois medra nun 10% ao acadar os case cinco millóns de euros, o que contribúe a que a cifra global do programa de I+D+i se manteña por riba da media dos últimos dez anos. 

Infraestruturas portuarias

Outra aposta do orzamento da Consellería do Mar que destacou Rosa Quintana son as actuacións en materia portuaria, tanto en termos orzamentarios como de adecuación da normativa. Neste eido, en relación ao ano en curso, a conselleira puxo de relevo a suba de arredor do 40% no volume dedicado ás infraestruturas portuarias –incluíndo as do programa de infraestruturas pesqueiras-, que rolda os 20 millóns de euros. Esta suba, explicou, ten o seu sustento no incremento nun 46% da transferencia a Portos de Galicia, facendo ademais que se poidan evitar as subas de taxas portuarias. Nos aspectos relativos ao orzamento de Portos de Galicia afondará en vindeiros días a presidenta do ente público no Parlamento.  

Apostas blindadas

Para o próximo exercicio a Consellería do Mar seguirá mantendo as súas apostas blindadas, que son o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar), o Servizo de Gardacostas de Galicia e o Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar). No caso do Intecmar, Rosa Quintana salientou a suba do 6% no orzamento do centro ata acadar os case catro millóns de euros, o que supón un aumento de case o 50% desde o ano 2013. Dentro da suba xeral das contas deste ente, a conselleira destacou o incremento dun 30,5% previsto para os gastos en investimentos debido a que se continuará coa incorporación de novos equipos para dotar aos laboratorios do centro das ferramentas necesarias para novas técnicas de análise.

En canto ao Servizo de Gardacostas, a conselleira subliñou que se dá continuidade ao plan de renovación parcial da frota que está na súa fase final coa construción da patrulleira de altura que substituirá á Paio Gómez Chariño e explicou que o orzamento deste servizo se mantén en cifras semellantes e afianza a suba que se vén dando nos últimos anos. En relación ao Cetmar, Rosa Quintana expuxo que o seu orzamento se mantén por riba dos catro millóns de euros como ferramenta fundamental para o desenvolvemento de accións de I+D+i.

Medidas de acompañamento

Por outra banda, a titular de Mar fixo referencia ás liñas de apoio que se prevé que tomen forma a través da aprobación do proxecto de Lei de Medidas Fiscais e Administrativas, que acompaña a este orzamento. Neste apartado destacou como unha das principais cuestións a adecuación e clarificación daquelas accións cualificadas como infraccións graves na Lei de Pesca en consonancia coa recente reforma da Ley de Pesca Marítima do Estado neste ámbito, un aspecto amplamente demandado polo sector e polo que a Consellería do Mar leva traballando con intensidade nestes últimos dous anos.

Esta clarificación, explicou Rosa Quintana, evitará penalizar ao conxunto das confrarías -limitándolles o acceso a axudas do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP)- por accións involuntarias como viña sucedendo. Neste sentido, explicou que, con esta modificación, accións involuntarias como a posta á venda de pequenas cantidades de produto de talle antirregulamentario no medio dos grandes volumes de marisco que se manexan nas lonxas, pasan a estar consideradas como infraccións leves, evitando así a penalización xeral do sector.