Skip to main content
ActualidadeRibadeo

Acisa Ribadeo convoca o concurso de decoracion Ilumina o teu Nadal

Por 7 Decembro, 2020Sin comentarios

Acisa Ribadeo convoca o concurso de decoracion Ilumina o teu NadalA Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo convoca o concurso de decoración do Nadal Ilumina o teu Nadal, co que repartirá 400 euros en premios. Este concurso convócase co fin de fomentar a decoración de comerciantes, hostaleiros e veciños en xeral, en fachadas, balcóns, xardíns particulares, escaparates ou calquera elemento que dea ao exterior en locais ou vivendas.

Francisco Miguel Iriarte, presidente de Acisa Ribadeo, explica que “desde Acisa quixemos poñer en marcha este concurso para animar á cidadanía para decorar todo aquel espazo ou elemento da súa casa ou local que dea ao exterior, á vía pública, para que entre todos cremos un gran ambiente de nadal en Ribadeo neste 2020”.
Iriarte Quintana anima “a participar a todos os negocios sexan ou non socios de Acisa, a decorar os seus escaparates, as xanelas dos bares, as fachadas dos seus negocios, as terrazas… todos aqueles elementos que impliquen aumentar a decoración das rúas e que se poida ver desde a vía pública. E queremos animar tamén aos veciños, nas súas casas para decorar xanelas, balcóns, fachadas ou xardíns, que dean tamén ás rúas, parques ou prazas. Queremos que se animen os veciños do centro urbano, pero tamén os das parroquias”.

O presidente do colectivo empresarial ribadense engade: “vivimos un ano moi gris, moi triste, con moitas preocupacións e angustias, porque non aproveitamos este nadal para darlle luz a este peche de ano que nos axude a estar un pouco máis animados, máis alegres e que nos recargue as pilas para seguir adiante o próximo 2021?”.

Pola súa banda, o xerente de Acisa, Jesús Pérez, relata o funcionamento do concurso Ilumina ou teu Nadal: “este concurso utiliza un sistema moi similar ao da campaña do día do pai de Acisa. A partir de hoxe está habilitada na páxina de Facebook de Acisa Ribadeo https://www.facebook.com/acisa. ribadeo unha sección á que se poderán subir os vídeos dos participantes, nos que mostren as decoracións que entran a concurso. Optamos por un concurso de vídeo porque nos parece que é un formato no que se poden mostrar mellor as decoracións, especialmente as dos negocios, cremos que co formato vídeo pódense apreciar mellor que nunha foto o traballo realizado. O que buscamos reforzar é a decoración con elementos luminosos. A aplicación estará operativa desde as 23:59 do día 7 de decembro ata as 23:59 do día 3 de xaneiro. Durante todo ese período pódese subir os vídeos para participar así como entrar a votar a decoración que máis guste”.

Pérez Prada subliña que “os vídeos deben de durar de 20 a 40 segundos, deberán ser sen editar, en formato vertical ou horizontal. Este sistema é moi cómodo porque se poden gravar e subir ao Facebook de Acisa co propio móbil. Os participantes deberán de indicar na descrición do vídeo, a categoría na que participan: negocio (para bares, tendas, restaurantes, oficinas…) ou veciños (para vivendas) xunto co seu nome e apelidos ou nome do establecemento no seu caso, así como o seu número de teléfono e mail. Por suposto as localizacións das decoracións gravadas deben de ser de Ribadeo ou as súas parroquias. Establécense 2 premios de 200 euros uno para a categoría de negocio e outro para a categoría de veciños. Os gañadores serán os que máis votos teñan ao peche do concurso en cada categoría. O día 8 de xaneiro daranse a coñecer os gañadores”.

Cáritas
Acisa colabora coa agrupación de Cáritas Ribadeo nunha recollida solidaria de alimentos para Nadal, que daba comezo ou pasado mes de novembro. Máis de 30 establecementos asociados participan nesta iniciativa, que rematará este mércores, 9 de decembro. Desde a asociación ribadense lembran que “todas as persoas que estean interesadas en participar nesta acción solidaria aínda #podar facelo. Xa queda pouco, pero ata mércores poden dirixirse a calquera dous 30 locais colaboradores de Acisa”.