Skip to main content
ActualidadeAgro TERRACHÁXAAMARIÑAXA

A Xunta distribuirá 7,3 millóns de euros entre os GDR galegos

Por 12 Decembro, 2020Xaneiro 27th, 2021Sin comentarios

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Inés Santé, reuniuse hoxe por videoconferencia cos presidentes dos grupos de desenvolvemento rural (GDR) de Galicia para asinar dixitalmente as addendas aos convenios de colaboración que manteñen no marco da medida Leader.

En virtude destas addendas, a Xunta distribuirá un total de 7,3 millóns de euros entre os 24 GDR galegos, para garantir a continuidade da súa actividade durante os anos 2021 e 2022. Trátase de que, grazas a estas achegas, poidan proseguir coa implementación das estratexias nos distintos territorios mediante a selección de novos proxectos que contribúan a acadar un maior grao de desenvolvemento das áreas rurais, dentro da medida Leader.

A maiores, mediante estas aportacións dáse cumprimento ao establecido polo Plan de Reactivación deseñado pola Consellería do Medio Rural no que atinxe ao apoio aos GDR para impulsar medidas para sectores como o agroalimentario, o gandeiro, o forestal, o turístico, o ambiental ou o do pequeno comercio.

O reparto destas partidas realizarase entre grupos de xeito proporcional á puntuación acadada no proceso de selección polo que se lles recoñeceu a súa condición de entidades colaboradoras da Administración e polo que se seleccionaron as respectivas estratexias de desenvolvemento rural para o período 2014-2020.

Reforzo da colaboración

Ademais, o conselleiro explicoulles aos representantes dos GDR que nesta addenda introdúcese unha pequena modificación para reforzar a colaboración bidireccional entre Agader e os grupos. Será no sentido de que os GDR contribúan a despregar no territorio as estratexias e proxectos de desenvolvemento rural impulsados pola Xunta, facendo de interlocutores cos axentes locais nos procesos participativos que se van levar a cabo e transmitindo, ao tempo, as opinións, as ideas ou as demandas de cada zona. Así como tamén animalos a participar activamente na planificación das estratexias e programas do Goberno galego, co fin de aliñar a experiencia e o coñecemento local dos grupos coas estratexias da Agader e da Consellería do Medio Rural.

A medida Leader busca impulsar o desenvolvemento rural a través dunha estratexia plenamente participativa e baseada nun enfoque “de abaixo a arriba”, de forma que se garanta a participación activa dos principais axentes locais nestas políticas, a través do labor dos GDR. Polo tanto, estes fondos van ter unha repercusión moi positiva sobre o tecido social e económico das zonas rurais de Galicia.

Só no período de execución 2014-2020 o Leader suporá en conxunto un investimento público no rural galego de 1.186 millóns de euros, coa creación de algo máis de 1.000 postos de traballo directos. Destes fondos, 84 millóns de euros corresponden á axuda pública (7,08% do total do investimento público do PDR).