Skip to main content
ActualidadeRibadeo

Instalada definitivamente a carpa diante do centro de saúde de Ribadeo

Por 12 Decembro, 2020Sin comentarios

Instalada definitivamente a carpa diante do centro de saúde de RibadeoO Concello de Ribadeo instalou definitivamente a carpa diante do centro de saúde. Alí poderán resgardarse do frío e da choiva as persoas que acudan a facer analíticas a primeira hora da mañá e aquelas outras que teñan que realizar os test de antíxenos. A carpa é costeada polo Concello ribadense.

O alcalde, Fernando Suárez, declarou que “ao longo desta tarde vai quedar definitivamente instalada esta carpa que o Concello de Ribadeo montou diante das inmediacións do centro de saúde, na rúa Reinante, despois de que a Xunta finalmente dixo que non ía pagala, pero que tampouco se opoñía a que o Concello a instalase”.

O rexedor subliñou que “nosoutros quixemos facer isto para mellorar esta situación e facer algo máis humana a espera da xente que ten que, en horarios matinais, a primeira hora os luns, os mércores e os venres, facer extraccións de sangue para analíticas, etc…, e que está nunha situación á intemperie, que non é agradable para ninguén, e tampouco polo tanto para a xente maior. Tamén vai quedar instalada para outras probas que se teñen que facer a partir de agora no centro de saúde, como son os controis dos test de antíxenos, polos que os facultativos e o persoal médico estaban especialmente preocupados porque isto vai ser para a xente que poida ter síntomas evidentes de coronavirus e que é necesario que non entren no centro de saúde para facer unha proba deste tipo”.

Suárez Barcia engadiu que “a carpa se está instalando por unha empresa profesional, dedicada a este ámbito e en estrita coordinación co persoal do centro de saúde que son os coñecedores das necesidades que hai que adoptar e de que maneira hai que instalala para garantir os aspectos de circulación do aire e que en ningún caso se produza ningún contaxio porque a xente estea nese entorno do centro de saúde. Agora, polo tanto, queda montada deste xeito, pero quedamos desde logo abertos a calquera mellora que nos vindeiros días nos poidan requirir desde o persoal do centro de saúde de Ribadeo”.