Skip to main content
ActualidadeFriolSecciones TerraCháXAZonas LUGOXA

O Servizo de Atención Temperá de Friol atende a 20 familias da comarca

Por 12 Decembro, 2020Sin comentarios

O Servizo de Atención Temperá de Friol atende a 20 familias da comarcaA conselleira de Política Social, Fabiola García, destacou que os orzamentos do vindeiro ano multiplican por sete o investimento na rede galega de atención temperá en comparación co que se destinaba a este fin en 2009, ata chegar aos 3,4 millóns de euros. Este reforzo económico supón un incremento do 5% con respecto ao presente exercicio e permitirá incrementar nun 30% estas unidades especializadas en toda Galicia, que pasarán das 27 actuais ás 35.

Fabiola García aportou estes datos na visita que fixo a este servizo en Friol, que está en funcionamento desde o pasado mes de setembro e que este municipio comparte con Begonte, Rábade, Guntín e Palas de Reis. No percorrido polo centro, ao que acoden as familias dunha vintena de nenas e nenos, tamén participou o delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias Fouz.

A titular de Política Social fixo fincapé na importancia da atención temperá cando se trata de atallar trastornos de desenvolvemento en nenas e nenos de 0 a 6 anos, e acadar que gañen en autonomía. Ao respecto, dixo que en unidades como a de Friol os pequenos reciben unha atención de calidade por parte de profesionais de primeira que os axudan a que se poidan desenvolver naqueles aspectos das súas vidas diarias que lles resultan máis complicados.

Atención especializada en 129 concellos
Así mesmo, a conselleira apuntou que a Xunta, os Concellos e a Asociación Galega de Atención Temperá (Agat) levan anos apostando por este modelo de prevención que hoxe xa chega a 129 municipios, fronte aos 15 aos que chegaba este servizo en 2009.

Neste sentido, manifestou que co novo impulso á rede de atención temperá previsto nas contas de 2021, o Executivo autonómico seguirá a avanzar cara ao obxectivo de conseguir que esta prestación pública poida estar á porta da casa para cada vez máis galegas e galegos.