Skip to main content
ActualidadeAs PontesSecciones TerraCháXAZonas LUGOXAZonas TERRACHÁXA

As Pontes abre unha nova liña de axudas a hostaleiros e autónomos

Por 17 Decembro, 2020Sin comentarios

As Pontes abre unha nova liña de axudas a hostaleiros e autónomos

O Concello das Pontes pon en marcha a segunda convocatoria do plan municipal de reactivación económica e laboral (APREL II 2020) destinado a paliar o impacto económico, social e laboral derivado da crise sanitaria provocada pola COVID 19 sobre as microempresas e persoas autónomas do municipio.

Ana Pena, concelleira responsable de Industria, apunta que “trátase dunha segunda convocatoria das axudas APREL enfocada a cubrir aquelas demandas que, por distintas circunstancias, non foron beneficiarias da primeira convocatoria, buscando dar unha cobertura, o máis extensiva posible, ás persoas autónomas e microempresas do municipio. Con esta dotación, o Plan dispón dun orzamento de 340.000 euros, a través do que o Concello das Pontes busca contribuír a dar liquidez ás persoas autónomas das Pontes e as microempresas locais que viron como os seus ingresos sufrían unha importante redución durante o confinamento para deste xeito axudarlles a manter a súa actividade, a cumprir coas súas obrigas empresarias e por extensión a manter o emprego na nosa vila”

O Plan Municipal APREL, nesta segunda convocatoria, conta con tres liñas de axudas, así contempla unha cota fixa de 600 euros para persoas físicas e xurídicas afectadas polo peche dos seus establecementos disposto no RD 465/2020 de 17 de marzo que modifica o artigo 10 do RD 463/2020 de 14 de marzo. A segunda liña, cunha cota fixa de 500 euros, destinada a aquelas persoas físicas ou xurídicas que sufriran unha redución da súa facturación, durante o mes de abril de 2020 de polo menos o 75% en relación coa media efectuada no semestre natural anterior á declaración do Estado de Alarma e unha terceira liña, cunha cota fixa de 600 euros, para aquelas persoas físicas ou xurídicas que se visen afectadas polo peche do establecemento disposto na orde de 15 de agosto de 2020.

Entre os gastos subvencionables atópanse a cota da seguridade social, arrendamentos e canons, reparacións e conservacións, servizos profesionais independentes, gastos de subministración (auga, luz, gas ou teléfono) o outros gastos como útiles de desinfección, cotas de préstamos ou amortizacións.

As solicitudes, acompañadas da información complementaria, deberán dirixirse ao IPPEC e poderán presentarse, unha vez publicado o estrato da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia, por vía telemática a través da Sede Electrónica do Concello das Pontes.

RESPALDO MUNICIPAL

Esta achega súmase ás diferentes liñas de axudas posta en marcha polo Concello das Pontes durante o ano 2020 co obxectivo de impulsar a reactivación económica e laboral do municipio e respaldar ao tecido empresarial local.

Son, en palabras de Ana Pena, “un conxunto de inversións enfocadas a tratar de paliar os efectos da crise económica e laboral provocada pola pandemia, e contribuír na recuperación dos índices de emprego e actividade empresarial do municipio, que conta hoxe con máis de 700 autónomos e microempresas de todos os sectores”.

Así, o goberno local destinou 300.000 euros á primeira convocatoria do Plan APREL do que se beneficiaron máis de duascentas microempresas e persoas autónomas e ao mesmo tempo reforzou as liñas de axudas directas para a creación de novas iniciativas empresarias no municipio – Instálate e Impúlsate- ás que destinou 78.000 euros que se suman aos 200.368 euros euros destinados nas edicións anteriores e que permitiron apoiar a 76 novos/as emprendedores/as e xerar máis dun centenar postos de traballo.

Ademais o Concello das Pontes decidiu sumarse, cun investimento de 14.000 euros, ao programa Invest in Cities, posto en marcha polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, para atraer inversión á vila, apoiar o desenvolvemento económico do municipios así como ofrecer solucións de financiamento e dixitalización ao tecido empresarial local.

“A participación das Pontes neste programa supón a inclusión na plataforma web www.investcities.com e presenza en foros rexionais de inversión, en encontros empresariais no extranxeiro así como no Foro de Cidades Atractivas para a Inversión, o que situará as Pontes nun lugar privilexiado para amosar as súas fortalezas e vantaxes competitivas aos posibles inversores” destaca Ana Pena.

Por outra banda, o programa inclúe dúas plataformas de atracción; Invest in You para startups e Invest in Companies, dirixida a empresarios que buscan acometer unha ampliación de capital ou a transmisión da súa empresa e que tamén permitirán aos empresarios e empresarias pontesas acceder a asesoramento profesional, capital privado e financiamento para os seus proxectos.

COMERCIO E HOSTALERÍA

O goberno local tamén o realizou un investimento de 325.000 euros para acompañar aos sectores comercial e hostaleiro do municipio, dous dos piares fundamentais na socioeconomía local e que máis están sufrindo os impactos da crise económica e laboral provocada polo covid-19, no proceso de recuperación e adaptación ao novo marco socioeconómico.

Así, puxéronse en marcha diversas accións orientadas á reactivación comercial, hostaleira e turística do municipio, tanto a través do Plan Estratéxico de Turismo das Pontes e da estratexia Impulsa As Pontes para dotar aos profesionais do sector de ferramentas que lles permitan saír nas mellores condicións da situación actual, a través de asesoramento individualizado.

Por outra banda, a administración local, en colaboración coa asociación Cohempo, tamén lanzou unha plataforma de venda online a través da que o goberno municipal busca contribuír a reducir o impacto do coronavirus na economía das persoas autónomas e pemes do municipio e fomentar a transformación tecnolóxica dos comercios para impulsar o aumento do consumo.

E finalmente, o Concello continúa reafirmando, a través dos convenios de colaboración coa Asociación de Comerciantes, Hostaleiros e Empresarios Ponteses (Cohempo) e coa Asociación de Empresarios SEARA, dotados de 40.00 e 20.000 euros respectivamente, o seu compromiso co tecido empresarial do municipio, promovendo e apoiando as actividades levadas a cabo por ambas entidades a prol da economía local, a dinamización e unión empresarial, tanto a través do fomento da cultura emprendedora como impulsando o comercio de proximidade, a hostalaría e sector servizos no seu conxunto.

COLABORACIÓN COS OUTRAS ADMINISTRACIÓNS

O Concello das Pontes realizou tamén un investimento de 40.000 euros para a cofinanciación do PEL Reactiva da Deputación da Coruña, una liña de axudas destinada a financiar os gastos correntes das persoas traballadoras por conta propia ou autónomas e ás microempresas radicadas no Concello das Pontes, directamente afectadas pola crise sanitaria ocasionada pola covid-19.

Trátase dunha subvención, compatible con outras prestacións municipais, que oscilará entre os 1.500 euros para traballadores por conta propia sen traballadores ao seu cargo e os e os 3.000 euros aos que poden optar as microempresas e autónomos/as que conten cun cadro de persoal de entre 6 e 9 traballadores/as.