Skip to main content
ActualidadeCospeitoSecciones TerraCháXAZonas LUGOXAZonas TERRACHÁXA

Rematan en Cospeito os obradoiros Camiño da Chaira e Santa Isabel

Por 18 Decembro, 2020Sin comentarios

Remata en Cospeito os obradoiros Camiño da Chaira e Santa IsabelA Xunta de Galicia destina 807.000 euros aos dous obradoiros de emprego compartidos por Cospeito, Outeiro de Rei e Castro de Rei durante o último ano, o Camiño da Chaira V, clausurado esta mañá, e o Santa Isabel IV, que tomou o relevo onte mesmo. Cada un ofrece formación e emprego a 20 alumnos traballadores.

Os participantes que veñen de rematar a súa formación recibiron hoxe os diplomas da man do delegado territorial de Lugo, Javier Arias, e os alcaldes dos distintos municipios: Armando Castosa (Cospeito), José Pardo (Outeiro de Rei) e Francisco Balado (Castro de Rei).

A Consellería de Emprego e Igualdade investiu 460.300 euros neste proxecto, que superou en máis dun terzo a súa duración e o orzamento inicialmente previsto para compensar o período en que a actividade estivo suspendida debido á situación sanitaria.

O obradoiro impartiu as especialidades de Operacións auxiliares de Revestimentos continuos en construción, que contou con seis alumnos en Cospeito e sete en Castro de Rei, e Levantamentos e replanteos, con sete persoas en Outeiro de Rei.

En Cospeito realizaron obras de acondicionamento interior do local social e antiga escola de Arneiro, a casa da cultura de Feira do Monte, e un cobertizo na rúa Daniel Castelao. En Castro de Rei rehabilitaron o exterior do Teleclube da capitalidade, as fachadas e pavimentos interiores no local social Escola de Bazar, e realizaron melloras no antigo campo de fútbol e na pista polideportiva de Castro Ribeiras de Lea así como nos locais sociais de Pacios, Oroxe e Triabá.

Pola súa banda, os alumnos traballadores de Outeiro de Rei acometeron labores de cartografiado dixital de expedientes de natureza urbanística, do inventario municipal de bens e de actualización da rede de saneamento.

Novos proxectos

Os tres concellos comparten un novo obradoiro de emprego, denominado Santa Isabel IV, que continuará realizando obras e mellorando dotacións públicas e posibilitará a reciclaxe profesional de 20 veciños e veciñas que se atopaban en situación de desemprego. Esta iniciativa conta cun orzamento de 346.950 euros.

Imparte as especialidades de Operacións de gravación e tratamento de datos e documentos, Traballos de carpintaría e moble, e Operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización. Está previsto que se desenvolva ao longo dos vindeiros nove meses.