Skip to main content
Comarca AMARIÑAXA

Cinco pemes da comarca reciben axudas para dixitalización

Por 29 Xaneiro, 2021Xaneiro 31st, 2021Sin comentarios

A Xunta de Galicia destina 50.000 euros a impulsar o desenvolvemento tecnolóxico de cinco pemes e autónomos da comarca da Mariña, ao abeiro do programa de axudas á dixitalización Industria 4.0, que convoca a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación a través do Igape.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que esta medida quere apoiar o esforzo que realizan as empresas locais para incorporar as vantaxes dixitais co fin de ser máis competitivas, especialmente no actual contexto económico provocado pola pandemia da covid-19. As empresas beneficiarias están situadas nos concellos de Cervo, Burela, Trabada e A Pontenova e suman un investimento mobilizado de 175.700 euros.

No conxunto da provincia o importe das achegas -cofinanciadas con fondos Feder- ascende a 469.000 euros para 37 proxectos que superan os 1,3 millóns de euros de investimento mobilizado. Máis da metade das entidades beneficiarias están situadas no concello de Lugo, que rexistra 19 axudas por un importe global de 264.200 euros.

Entre as iniciativas impulsadas nesta convocatoria destacan a implementación de procesos de comercio electrónico, sistemas de xestión integral e sistemas de intelixencia de negocio. Ademais de apoiar a adquisición de equipos e software, as axudas facilitan as colaboracións necesarias para a súa posta en marcha, financiando proxectos colectivos de agrupacións, pemes e iniciativas promovidas a nivel individual. Impúlsase así a interconexión dixital entre empresas vinculadas pola súa actividade e a dixitalización dos seus procesos produtivos.

A intensidade da achega é do 30 % dos investimentos en equipos ou programas para as pequenas empresas, e do 20 % para as medianas. No que respecta aos gastos de colaboracións externas de carácter tecnolóxico ou organizativo -asistencia técnica, consultoría e servizos para a execución do proxecto de dixitalización-, a subvención máxima é do 50%.