Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAMar AMARIÑAXA

O Instituto Social da Mariña fai balance do último ano

Por 28 Xaneiro, 2021Xaneiro 31st, 2021Sin comentarios

Reunión da subdelegada, Isabel Rodríguez, co director provincial do Instituto Social da Mariña, José Vicente Prieto

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, mantivo hoxe unha reunión de traballo co director provincial do Instituto Social da Mariña, José Vicente Prieto, na que analizaron a actividade deste organismo durante o último ano.

Isabel Rodríguez aproveitou o encontro, que tivo lugar por vía telemática, para destacar o esforzo realizado polo persoal do ISM na provincia, para atender sen demoras ao sector nuns meses nos que a actividade deste organismo tamén se viu condicionado pola pandemia.

A subdelegada destacou a importancia de iniciativas postas en marcha nestes meses como a posibilidade de facer test serolóxicos do covid-19 que se ofrece gratuitamente a todos os tripulantes de buques en mareas superiores a 10 días. Este ofrecemento dirixido aos traballadores do mar é froito dun convenio asinado na primavera pasada pola Dirección do ISM co Sergas.

Na xuntanza tamén se puxo de manifesto que, segundo os datos do Instituto Social da Mariña, a pandemia apenas tivo consecuencias no emprego no sector pesqueiro da provincia. O número total de traballadores que ten afiliados na actualidade o ISM na provincia de Lugo é de 1.618, dos que 458 son estranxeiros, máis da metade deles, 298, proceden de Indonesia.

En 2020, o Instituto Social da Mariña destinou 38.072.624 euros ao pago de pensións a traballadores do mar na provincia de Lugo.

Actualmente, o ISM ten dadas de alta 148 empresas e o número de embarcacións, na súa gran maioría pertencentes ao sector pesqueiro, son 156.