Skip to main content
Burela

Burela prohibe a estancia en parques e prazas

Por 30 Xaneiro, 2021Xaneiro 31st, 2021Sin comentarios

O Concello de Burela publica un anuncio mediante o que queda prohibida temporalmente a estancia e permanencia de calquera persoa nos parques infantís, parques e prazas de titularidade ou uso municipal. Estará permitida a circulación peonil en tránsito, sempre e cando non se produzan paradas inxustificadas nin agrupacións de persoas non convivintes neses espazos. No anuncio, que está colgado na web municipal, tamén se informa que o mercado semanal seguirá a celebrarse en Torrentes, seguindo a normativa sanitaria en vigor en cada momento. O obxectivo da adopción destas medidas é facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo covid19.

O alcalde, Alfredo Llano, dixo que “o que pretendemos con este decreto é lembrar e ser coherentes co que di a normativa. Hai que ter en conta que en Burela, agora mesmo, están baixando os casos, pasamos dos cincuenta e algo e agora estamos en menos de corenta. Cremos que debemos seguir así. Hai que tratar de atallar o antes posible o coronavirus. Hai que rematar coa cadea de contaxios porque xa vemos as consecuencias que está traendo e temos que frealo entre todos”.

O rexedor sinalou que “o decreto di claramente que nos lugares públicos, como poden ser unha praza ou un parque, está permitido que se circule, pero non se pode parar e manter conversas entre varias familias. Hai que evitar da maneira máis radical os contaxios. Iso vai entrar en vigor hoxe. Tanto nos parques como nas prazas e nas rúas hai que procurar circular fluidamente. A normativa xa di claramente que só poden ir convivintes, polo tanto creo que queda claro que a nosa intención é acabar cos contaxios”.

Llano lembrou que “temos pechado noutras ocasións os parques, pero esperemos que non faga falta facer iso. Colocaremos uns carteis lembrando a normativa para que non haxa a mínima oportunidade de contaxiarse. Espero que se entenda esta normativa que é polo ben de todos, para acabar dunha vez con todo isto e poder normalizar a vida socioeconómica e ter máis seguridade sanitaria. Contamos coa responsabilidade da veciñanza de Burela, que sempre o fixo de marabilla, e con esta nova normativa esperamos que en pouco tempo se vaian aclarando as cousas e facer unha vida normal, que é o que queremos todos”.

Desde a Concellería de Deportes e de Turismo, Ramiro Fernández Rey, indicou que “está pechado o barco museo Reina del Carmen e tamén as instalacións deportivas municipais, que so poderán ser empregadas polos equipos que teñen permitido competir, seguindo todos os protocolos sanitarios en vigor”.