Skip to main content
Cervo

Cervo presenta un orzamento de 6,4 millóns de euros

Por 31 Xaneiro, 2021Febreiro 12th, 2021Sin comentarios

A edil de Facenda, Dolores García Caramés, presentou hoxe un avance dos orzamentos previstos para o este ano 2021, cuxa tramitación se está a ultimar, e que serán aprobados no vindeiro pleno ordinario que se celebrará o próximo xoves, 4 de febreiro.

Caramés explicou que a partida para este exercicio ascenderá a 6.445.820,17 euros, unha cifra que se reduce nun 3,04% con respecto ao exercicio anterior –concretamente en 201.867,60 euros- “froito da actual conxuntura que vivimos marcada por unha pandemia de alcance mundial, unha situación inédita que tamén afecta ás arcas municipais”.

Os orzamentos que imos presentar son polo tanto “realistas; e responden aos principios da prudencia e a da responsabilidade”; co obxectivo prioritario  de seguir a ofrecer uns servizos públicos de calidade para a nosa veciñanza; cumprindo os principios da eficiencia e da eficacia na xestión do gasto público. Son unhas contas    -engade- que amosan a aposta decida deste equipo de goberno pola estabilidade e a sustentabilidade financeira, e nomeadamente polos servizos públicos; “porque estes orzamentos reflicten de novo a indubidable aposta deste Concello pola xestión directa, “que sitúa a Cervo como o municipio de Galicia con máis servizos públicos” (saneamento, recollida de lixo, abastecemento de auga, escola infantil, piscina municipal, Axuda no Fogar, Dependencia, entre outros).

No orzamento para este ano 2021 seguen a ter especial relevancia as políticas de fomento do emprego “cuxo exemplo máis significativo son as bolsas de formación remuneradas para a mocidade”, para as que se destinan 140.000 euros do orzamento municipal.

Seguimos, así mesmo, -precisa- estando ao carón do tecido social do noso municipio, ofrecendo axudas directas  ás diferentes asociacións e clubs deportivos que son fundamentais no día a día do noso Concello “sabedores de que están a ser tamén tempos moi difíciles para o desenvolvemento da súa actividade que se está a ver tremendamente condicionada pola pandemia”. Do mesmo xeito, seguiremos apoiando á comunidade educativa con axudas que volvemos dispoñer para o transporte do alumnado, para as familias, para os centros educativos e as ANPAS.

Os Servizos Sociais ocupan ademais un lugar prioritario na estrutura dos novos orzamentos; para os que se reservan un ano máis unha importante contía  tanto para a súa xestión directa como para seguir a colaborar coas diferentes asociacións e colectivos.