Skip to main content
Ribadeo

Acisa Ribadeo manda unha mensaxe de ánimo aos socios

Por 28 Xaneiro, 2021Xaneiro 31st, 2021Sin comentarios

Acisa Ribadeo traslada unha mensaxe de ánimo á hostalería e ao comercio e pide á cidadanía que sexa responsable para poñer fin canto antes a esta situación.

Desde Acisa Ribadeo o seu presidente, Francisco Iriarte, diríxese hoxe aos hostaleiros e comerciante: “son tempos de novo difíciles, nos que nos toca ser nós os sacrificados en prol da saúde. Fomos sufrindo novas restricións durante todo o ano ademais dun importante confinamento o ano pasado. Sen non pouco sufrimento chegamos ata aquí e resistimos, e estou seguro que, aínda que será moi duro, agora volverémolo a facer e sairemos adiante. Sei que nos quedan poucas forzas, poucos aforros dos que tirar, pero aguantemos, resistamos, non nos rendamos, a solución pode estar preto, as vacinas están aí, non fraqueemos no último tramo”.

O presidente dos empresarios ribadenses sinala que “pechamos hoxe para volver abrir en tres semanas, se todos somos responsables poderémolo conseguir, se non, a parte do dano á vida e a saúde da xente que se contaxie, estaremos a danar irreparablemente a economía local de Ribadeo, facendo morrer tamén a moitas empresas e eliminando moitos postos de traballo. Por iso hoxe máis que nunca o que pedimos é moito sentidiño”.

Iriarte Quintana fai unha clara chamada á responsabilidade individual dos ribadenses: “polo menos as nosas tendas seguen todas abertas, non caiamos por favor na tentación de estar aburrirnos en casa e coller o móbil para comprar algo onde non debemos. Sigamos apoiando, como o estamos facendo nestes meses, ao comercio local. Se temos necesidade de comprar algo, salgamos de casa con máscara posta, sós ou con quen convivo, e comprémolo en Ribadeo. Aquí temos case de todo e non necesitamos que nos traian nada de fóra. É máis expresiva o sorriso dunha persoa aínda con máscara que a dunha caixa”.

O xerente de Acisa, Jesús Pérez, engade: “temos a hostalería pechada, os ximnasios, o lecer infantil, os comercios están con limitacións, por favor, non fagamos que este sufrimento sexa en balde. Queremos volver abrir as portas canto antes, queremos volver traballar e a atendervos, queremos facelo porque nos gusta, dedicámonos a iso e sobre touro vivimos diso. Por iso pedímoslle á cidadanía que sexa especialmente escrupulosa e rigorosa coas normas, parece mentira que haxa que lembrar estas cousas. Non convertades as casas en bares, non fagades botellóns ás agachadas, non só porque será unha falta ou un delito, senón porque vos estaredes poñendo en risco a vós, aos vosos seres queridos e a unha chea de xente que agora mesmo non pode traballar”.

Pérez Prada subliña que “Acisa mantén todos os seus servizos operativos. Dadas as recomendacións da Xunta sobre o teletraballo, variamos o horario de atención ao público. E provisionalmente prestarase de 9 a 14 horas, mediante teléfono ou mail ou ben con cita previa na oficina. Pódese contactar connosco a través do 982 120 565 ou o 663 39 62 26 nese horario e fóra dese horario en info@acisaribadeo.es ou no 672 24 82 26”.

Desde Acisa piden a todos os asociados e asociadas que “nos fagan chegar os seus novos horarios e os servizos que terán durante estas semanas para que nós podámoslle dar a máxima difusión a través das nosas redes sociais. Tamén ampliaremos os nosos esforzos en manter informados os socios dos cambios normativos e moi especialmente en dar cumprida información de todas as axudas que se publiquen. E polo seu posto lembrámoslles que estamos á súa enteira disposición nestes momentos complicados”.

A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos lembra que “aos clientes do comercio de Ribadeo que segue activa ata finais do próximo mes de febreiro a campaña de descontos en combustible que Acisa leva a cabo en colaboración con Gasóleos Abelleira. Engadir que aqueles socios que precisen máis tarxetas o único que teñen que facer é poñerse en contacto connosco para entregarlles o material”.