Skip to main content
Cultura LUGOXALugo

Novas pezas para a exposición permanente da Domus do Mitreo

Por 25 Xaneiro, 2021Xaneiro 29th, 2021Sin comentarios

O Museo Universitario A Domus do Mitreo está a ampliar a súa exposición permanente coa incorporación de novas pezas ata agora descoñecidas que outorgan unha maior relevancia ao mundo romano no conxunto do xacemento arqueolóxico situado ao carón da Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo.

Segundo indica a directora do Museo, Dolores Dopico Caínzos, a ampliación dos fondos exhibidos nas dependencias museísticas da Domus do Mitreo está a avanzar grazas a unha colaboración co Museo do Castro de Viladonga.

Todo o material arqueolóxico descuberto durante os labores de escavación realizados no solar que agora ocupa o Museo Universitario A Domus do Mitreo entregouse á Xunta de Galicia, nomeadamente ao depósito xestionado polo Museo do Castro de Viladonga, cuxo equipo de restauradores xa completou a recuperación dalgunhas pezas de cerámica, vidro e metal que se atopaban “nun estado penoso”, en palabras de Dolores Dopico.

Unha vez rematados os traballos de restauración, as pezas retornan ás vitrinas da sala de exposición do Museo Universitario onde, na actualidade, xa se poden ver unha ánfora, “cuxa restauración foi pouco menos que un milagre”, sinala a directora do centro, así como algunhas moedas e diversas pezas metálicas soltas.

Dolores Dopico asegura que a exposición se seguirá ampliando posto que, malia que xa recibiron unha parte do material, aínda faltan moitos elementos de cerámica e todo o vidro.