Skip to main content
O Corgo

Buscan alternativas para reforzar o tecido empresarial do Corgo

Por 30 Xaneiro, 2021Febreiro 1st, 2021Sin comentarios

Felipe Labrada e Francisco Conde

O alcalde do Corgo, Felipe Labrada, reuniuse esta semana co vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta, Francisco Conde, co que estudou novas vías de colaboración para continuar reforzando o tecido empresarial deste municipio, impulsar o emprendemento e a atracción de compañías cara ao parque empresarial.

As dúas administracións coincidiron na importancia de “seguir mantendo a cooperación institucional”. Para iso, Conde informou ao rexedor das diferentes convocatorias que están a disposición das pemes e dos concellos neste momento, entre as que se atopa a orde de axudas por 2,3 millóns de euros para mellorar as infraestruturas dos parques empresariais. Os municipios poden presentar as súas solicitudes ata o vindeiro 8 de febreiro, e optar a axudas de ata 120.000 euros para propostas individuais e 138.000 para solicitudes de máis dun concello.

Tanto a través deste programa como doutras iniciativas, desde o ano 2009, a Consellería de Economía, Empresa e Innovación lembrou que apoiou ao Concello, empresas e veciños do Corgo con axudas por preto de 2 millóns de euros, permitindo mobilizar 7 millóns en eidos como o financiamento, a eficiencia enerxética ou o apoio á industria forestal.

No encontro,  Conde destacou as oportunidades que ofrece a futura Lei de reactivación, que se está a tramitar no Parlamento galego, para atraer novas iniciativas empresariais cara aos concellos e impulsar o emprendemento, avanzando na simplificación administrativa e facilitando os investimentos, ao tempo que se achegan as máximas garantías xurídicas, urbanísticas e ambientais para contribuír á consolidación do tecido empresarial da Comunidade.

Unha das medidas da futura lei que se está a tramitar é precisamente o impulso da figura dos Concellos Emprendedores –un distintivo co que conta O Corgo xunto con outros 17 municipios da provincia de Lugo– para que aparezan consolidados dentro do novo marco lexislativo. Así, comparten coa Xunta a necesidade de levantar as barreiras ao investimento empresarial para estimular a actividade económica e facilitar os trámites administrativos.

A futura Lei de reactivación económica permitirá seguir avanzando neste eido, promovendo un cambio de cultura administrativa para lograr a máxima axilización. O obxectivo é achegar unha resposta áxil para facilitar a actividade económica, atendendo aos novos retos aos que se enfronta Galicia.