Skip to main content
Lugo

Lugo contará cun novo xulgado do social desde o 31 de marzo

Por 22 Xaneiro, 2021Xaneiro 24th, 2021Sin comentarios

O presidente do TSXG na reunión cos membros da carreira xudicial en Lugo

O presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), José María Gómez y Díaz-Castroverde, confirmou que Lugo contará a partir do próximo 31 de marzo cun novo xulgado do social. Nunha visita á cidade para se reunir con membros da carreira xudicial, o presidente do TSXG lembrou que a posta en funcionamento deste órgano constituía un dos compromisos do seu mandato. “É unha boa noticia para Lugo. Vai ser unha solución importante para a xurisdición social”, destacou.

Na xuntanza cos xuíces de Lugo abordouse a situación do Xulgado de Menores, que está pendente de que a Xunta finalice a habilitación dun espazo na Audiencia Provincial para o seu traslado, xa que o novo xulgado do social situarase no espazo que actualmente ocupa este órgano. Díaz-Castroverde, que mantivo encontros con xuíces e xuízas da Audiencia Provincial e dos órganos unipersoais de Lugo, tamén valorou a incidencia da crise sanitaria na Administración de Xustiza de Galicia. “A situación é razoablemente boa. No seu momento fixemos un protocolo de racionalización de sinalizacións, de modificación de axendas, e creo que, a día de hoxe, o que se suspendeu no primeiro estado de alarma está xa agendado”, manifestou, á vez que afirmou que as dependencias xudiciais son “espazos seguros”, pois non hai constancia de contagios orixinados nelas. Ademais, explicou que a covid-19 “alterou o ritmo normal de ingreso de asuntos”. Así, sinalou que na estatística provisional do último trimestre do ano apréciase unha importante diminución no número de ingreso de asuntos e, pola contra, “un aumento no número de resolucións ditadas, en comparación con 2019”.

Os xuíces dos órganos unipersoais solicitaron durante a reunión máis formación para os auxilios en relación ao uso do sistema de videoconferencia e expuxeron a Díaz-Castroverde as principais necesidades dos xulgados de instrución. O presidente do TSXG informou os membros da carreira xudicial de que está convocada unha comisión de servizos para que se incorpore outro xuíz a Instrución número 1 para que o titular poida pechar canto antes as macrocausas pendentes.