Skip to main content
Lugo

Novos decanos para as facultades de Veterinaria e ADE

Por 22 Xaneiro, 2021Xaneiro 27th, 2021Sin comentarios

Gonzalo Fernández e Roberto Bande

Os profesores Gonzalo Fernández Rodríguez, da Área de Sanidade Animal, e Roberto Bande Ramudo, do Departamento de Fundamentos e Análise Económica, tomaron posesión como decanos das facultades de Veterinaria e Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo, respectivamente, no marco de dous actos institucionais presididos polo reitor da USC, Antonio López. No acto, os novos cargos electos defenderon o carácter multidisciplinar das titulacións impartidas nos seus centros universitarios, ao tempo que resaltaron a vontade de estreitar as ligazóns co tecido produtivo, a fin de optimizar o beneficio das posibles sinerxías e intensificar e potenciar a transferencia de coñecementos e resultados de investigación á sociedade.

O reitor da USC trasladou o seus parabéns ao novos decanos, ao tempo que fixo extensible o seu agradecemento a todos os membros da comunidade universitaria pola “razoable solución ofrecida pola USC a unha situación antes inimaxinada, tal e como é  a pandemia provocada pola covid-19”. Logo de facer unha breve reseña sobre as diversas fortalezas que atesouran as facultades de Veterinaria e de Administración e Dirección de Empresas e “cuxa actividade docente e de I+D reportan beneficios á sociedade, ao tempo que reforzan o prestixio e o atractivo da USC”, Antonio López sinalou ao relevo xeracional e a achega de novas propostas ou ideas de títulos cara á futura revisión do mapa de titulacións no SUG como dous dos retos que debe afrontar a institución académica a curto e medio prazo.

A achega de ideas para o debate e a proposta de novos títulos, xa de grao xa de posgrao, para a inminente apertura das negociacións do futuro mapa de titulacións en Galicia constitúe outra das solicitudes trasladadas polo reitor da USC nos dous actos institucionais que presidiu no Campus de Lugo. López fixo este chamamento á comunidade universitaria en aras a avanzar na mellora e potenciación da calidade da actual oferta formativa impartida pola USC na súa sede luguesa, pero tamén para ampliar o catálogo de títulos con novas propostas conectadas co mercado laboral e que contribúan a dar solucións aos problemas e necesidades que presenta a sociedade.

As palabras de agradecemento aos seus predecesores nos decanatos de Veterinaria, Germán Santamarina, e Administración e Dirección de Empresas, Begoña Barreiro, marcaron tamén o comezo das intervencións dos novos decanos, que, de seguido, e logo de remarcar as fortalezas e potencialidades dos centros universitarios lugueses, aproveitaron a celebración destas sesións protocolarias para expoñer algunhas das necesidades e retos que teñen por diante ambas facultades.