Skip to main content
Lugo

O Fondo de cooperación covid debaterase no pleno do Concello de Lugo

Por 25 Xaneiro, 2021Xaneiro 26th, 2021Sin comentarios

Ramón Carballo e Antonio Ameijide

O grupo municipal do PP no Concello de Lugo presentará no pleno deste xoves unha proposición de urxencia na que propoñen que Lugo se sume a un fondo de axudas ao sector da hostalería no que, seguindo o modelo valenciano, a Xunta aportaría o 50%, a Deputación o 30% e os concellos o 20%.

Así mesmo, os populares reclaman que o bipartito se comprometa a estudar e, no seu caso, aplicar as demandas que o sector ten feito e que, ao seu entender, non foron atendidas como son a redución ou exención das taxas municipais á recollida do lixo e a auga así como a aplicación dos tipos mínimos legais no imposto sobre bens inmobles (IBI); bonificacións do imposto sobre contrucións, instalacións e obras (ICIO) en relación as licencias de obra que se soliciten co fin de adaptar os locais ás medidas de seguridade impostas pola situación sanitaria e bonificación do imposto sobre vehículos necesarios para actividade (IVTM) no caso do comercio e hostalería.

Nesta proposición, os populares solicitan ao Goberno do Estado “que aplique unha redución do IVE turístico ao 4%, que prolongue os ERTES de xeito consensuado cos axentes sociais mentres duren os efectos da pandemia e que inclúa axudas directas ao sector da hostalería no Plan de Rescate aprobado polo Consello de Ministros”.

Outras iniciativas

O Grupo Popular levará tamén ao pleno outras iniciativas nas que, entre outros asuntos, solicitarán ao bipartito que faga as xestións necesarias coa Deputación Provincial de Lugo e calquera outro organismo implicado, para impulsar a recuperación do Anfiteatro do Campus de Lugo, de xeito que estea operativo para a primaveira/verán do 2021, ou a adhesión de Lugo á Rede Mundial de Cidades e Comunidades Amigables coas Persoas Maiores e a implementación constante de melloras e infraestruturas municipais para este colectivo.

Os populares reclamarán ademais o cumprimento dunha proposta xa aprobada en Xuño de 2016 e que contou, naquel momento, cos votos favorables de todos os grupos que compoñían a corporación municipal. Entre os puntos desa iniciativa está o de aplicar a gratuidade do sistema de transporte público urbano a menores de 18 anos, xubilados, pensionistas e persoas con escasos recursos.