Skip to main content
Lugo

O PP asegura que Lara Méndez asina facturas con reparos de legalidade

Por 27 Xaneiro, 2021Sin comentarios

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Ramón Carballo, asegura que a alcaldesa Lara Méndez “xa tivo que asinar os primeiros levantamentos de facturas con reparos de legalidade”, o que, ao seu ver, revela que “o goberno local segue encallado na mesma política económica de manter servizos co contrato caducado ou directamente sen contrato”.

Ramón Carballo explica que xa se atopou o primeiro decreto con facturas que tiñan algún tipo de reparo de intervención, “polo que a alcaldesa tivo que levantar estes reparos e autorizar directamente o pago das facturas, que ascenden a un total de 156.453,29€”.

O voceiro popular asegura que o 2020 “foi un ano de récords negativos en materia económica para o Concello de Lugo, xa que entre Lara Méndez e Rubén Arroxo desbloquearon o pago de 34.524.767,51€, e semella que neste ano levan camiño de tentar bater ese nefasto fito histórico para as arcas municipais xa que non teñen intención de cambiar a dinámica”.

Carballo asegura que a esta situación se engadirá nas vindeiras semanas “unha fórmula extraordinaria que Lara Méndez xa instaurou como ordinaria no funcionamento do Concello de Lugo, como son os recoñecementos extraxudiciais de crédito que elevan aos plenos. O raro é que no do mes de xaneiro non empregan esta fórmula, a primeira ocasión en moitos meses, pero non ten pinta de que vaia a durar moito e nos tememos que en febreiro volvan a facer habitual algo que tería que ser unha ferramenta ocasional”, engadiu.

Ramón Carballo insiste na necesidade “de devolver á legalidade todos aqueles servizos que se atopan co contrato caducado ou sen contrato, xa que, segundo recoñecen dende a intervención municipal en varios informes, estes pagamentos derivan da prestación de servizos efectuadas sen soporte contractual que os ampare en función da súa natureza, informes nos que se sinalaba que se efectuaban os reparos ben porque tivera finalizado a vixencia dos respectivos contratos sen terse iniciado o expediente de novas licitacións, permitindo a continuidade das prestacións en precario e coa natureza da prórroga consentida sen cobertura contractual, ben porque se tivera considerado como gastos/contratos menores non xustificándose tal condición nin pola natureza, nin pola periodicidade nin pola contía acumulada”.