Skip to main content
Lugo

Comeza en Lugo a montaxe do edificio Impulsa Verde

Por 29 Xaneiro, 2021Sin comentarios

Lara Méndez supervisou o inicio da montaxe

O edificio Impulso Verde de Lugo comeza a tomar forma logo de que este xoves se iniciase a montaxe da súa estrutura central, trala chegada dos primeiros camións coa madeira certificada que se vai empregar e que procede do concello de Alfoz. Os traballos para construción deste singular edificio arrincaran a finais de 2020, coa execución dunha laxa de formigón sobre o terreo da parcela ubicada na zona da Garaballa.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, comprobou in situ este venres o avance das obras. “En só 24 horas puidemos ver como a construción da estrutura, grazas a este modelo de edificación, avanza a un ritmo moi rápido. Nos vindeiros días poderemos observar como evoluciona e se van montando as diferentes partes do edificio, que contará con tres plantas. A previsión é que a mediados do mes de marzo poida estar xa rematada toda a estrutura”, explicou a rexedora.

Unha vez finalizada a montaxe da estrutura principal, levarase a cabo o recubrimento do exterior con pizarra de Galicia, así como a división interior, tabiquería, carpinterías interiores, e por último, a dotación de mobiliario.

O Impulso Verde será o primeiro edificio público da comunidade construído con madeira de Galicia, concretamente da Mariña, e a semente do primeiro barrio multiecolóxico de España deseñado dende cero e que combinará solucións urbanísticas e edificatorias para reducir a contaminación e combater o cambio climático. As obras, que se enmarcan no proxecto LIFE Lugo+Biodinámico, foron adxudicadas por 1,5 millóns de euros á EGOIN S.A. e contan cun prazo de execución de 15 meses.

PROCESO DE MONTAXE

A construción do edificio Impulso Verde baséase nunha montaxe de paneis CLT desde un tamaño de 3×3 a 3×13,5 metros. Os paneis en cuestión vanse levantando sobre a laxa de formigón e uníndose entre si mediante escuadras metálicas específicas e tirafondos. Inicialmente, montarase a estrutura central de madeira laminada no chan e levantarase xunto aos paneis de planta baixa que servirán para o arriostrado lateral da devandita estrutura. A posteriori, colocaranse os paneis do forxado da planta primeira e iranse colocando paneis de muros e forxados superiores ata chegar á altura de cuberta.

Deste xeito irase levantando o bloque central do edificio deixando para o final a zona da escaleira co fin de que as instalacións de ventilación se vaian realizando. Ademais, os paneis de fachada sur tamén se deixarán para o final. Unha vez levantada a estrutura principal en CLT, procederase á montaxe do armazón de madeira laminada de fachadas sur e, unha vez montado, levantarase para ser situados no seu sitio e despois montar os paneis de CLT restantes desta fachada.

Unha vez as instalacións de ventilación estean terminadas, montaranse os paneis da zona de escaleira e o armazón de madeira laminada desta fachada, previamente montada no chan, tal e como se expón facelo co armazón da fachada sur. Por último, procederase á montaxe dos distintos gridshell de cuberta. Neste caso, tamén se prevé montar a xeometría de cada gridshell no chan e levantar cada unha delas ao sitio.

CARACTERÍSTICAS DO EDIFICIO

Este modelo de construción implicará un aforro de consumo enerxético dun 74% respecto a edificios de oficinas xa existentes, e dun 54% respecto aos de nova construción. Polo que se refire ao CO2, emitirá un 90% menos que os edificios de formigón e aceiro (50 toneladas fronte a 470) e, ademais, absorberá 280 toneladas de emisións. En canto ás innovacións, será un edificio de balance enerxético case cero. É dicir, será capaz de producir con enerxías alternativas o seu consumo.

Cando o edificio Impulso Verde estea construído, monitorizarase para avaliar o seu rendemento e detectar se pode producir incluso máis enerxía da que consome. Desde un punto de vista espacial, o edificio conectará ao usuario coa natureza a través do emprego da madeira e da inserción de espazos axardinados, destinadas ao descanso e a distensión xa que estará rodeado dun novo parque con pavimentos drenantes, especies autóctonas, xardíns de choiva e unha ampla zona de hortos urbanos. De uso público e con actividade permanente, o Impulso Verde albergará servizos municipais, ademais dun coworking para empresas relacionadas co medio ambiente e o cambio climático.

Este proxecto enmárcase no programa LIFE Lugo + Biodinámico, cofinanciado pola Unión Europea a través de fondos FEDER e liderado polo Concello de Lugo, coa colaboración da Deputación de Lugo e a labor de investigación da Universidade de Santiago de Compostela e da Universidade Politécnica de Madrid. O obxectivo é a posta en práctica dunha estratexia innovadora de planificación urbana destinada a actuacións en barrios ou áreas residenciais para conseguir tecidos urbanos adaptados ás consecuencias e efectos do cambio climático.