Skip to main content
Lugo

O TSXG desestima a solicitude do Concello de Lugo sobre a concesión da Fábrica da Luz

Por 29 Xaneiro, 2021Sin comentarios

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de desestimar a solicitude de complemento de sentenza que presentara o Concello de Lugo sobre a concesión da Fábrica da Luz. Para o Partido Popular, esta decisión supón “xa tres varapaus seguidos ao goberno local” no tocante á concesión da explotación do inmoble.

O vicevoceiro dos populares no Concello, Antonio Ameijide, lamenta que “o intento de gañar tempo e, en consecuencia dilatar ainda máis a solución para recuperar este inmoble, cústanos a todos os lucenses 7.600 euros ao mes en concepto de intereses, a maiores da indemnización de 2,5 millóns de euros que deberá pagar á empresa adxudicataria”.

Ameijide lembrou como dende o seu grupo xa advertiron que esta solicitude de complemento de sentenza “estaba abocada ao fracaso”, lamentando o empeño de socialistas e nacionalistas “de caer nunha espiral xudicial para gañar tempo e para presentar o recurso de casación ante o Supremo”. O vicevoceiro popular puntualizou que segundo todos os xuristas consultados é “improbable que nin tan sequera se acepte a trámite” polo que se pregunta “¿a que están xogando?”.

Á vista da nova sentenza, os populares anuncian que preguntarán en comisión que pasos vai seguir o Concello de Lugo para desbloquear este asunto. Insisten tamén en que o bigoberno “non debe renunciar aos dereitos de explotación que perderon por unha xestión neglixente ao longo dos últimos 20 anos” e reclama que adopten as medidas necesarias para recuperar esta concesión ante a Confederación Hidrográfica.

Desde o PP queren saber tamén se xa se iniciou o expediente “para pedir que paguen os políticos implicados do goberno de Lara Méndez” a indemnización de 2,5 millóns de euros ditaminada polo TSXG.