Skip to main content
Monterroso

Monterroso aproba un orzamento de case 2,7 millóns

Por 30 Xaneiro, 2021Sin comentarios

Vista de Monterroso

O Concello de Monterroso vén de aprobar os seus orzamentos municipais para este ano, que ascenden a 2.694.583 euros. As contas saíron adiante no pleno municipal celebrado este venres e fixérono cos votos a favor do equipo de goberno, conformado por Independentes por Monterroso e o PP, e cos votos en contra do Partido Socialista, Compromiso por Galicia e do concelleiro non adscrito.

A rexedora municipal, Rocío Seijas, salienta “a adaptación das contas deste ano á realidade da crise sanitaria e o aumento das partidas de gasto social e de cultura”. A partida dedicada a servizos sociais contará con 573.529 euros; a de mantemento de infraestruturas, con 252.192 euros; e a de educación con 237.764 euros. O orzamento destinado a actividades culturais conta con 120.902 euros, o que supón unha suba do 24 por cento con respecto ao ano anterior.

Seijas referiuse tamén ás inversións reais, que supoñen un total de 71.000 euros. Neste apartado, a alcaldesa de Monterroso referiuse á intervención para a mellora da área recreativa da Peneda, que  contará con 15.000 euros das arcas municipais, ás actuacións en parroquias (20.000 euros) e ás intervencións de aglomerado das pistas municipais (11.000 euros).

A rexedora lembrou tamén unha partida coa que o Concello sufragará parte dos gastos de conversión da vivenda comunitaria en fogar residencial, un proxecto que depende da colaboración doutras administracións.

CRÍTICAS DO PSOE

O PSOE de Monterroso criticou o presupuposto aprobado xa que “queda de manifesto a falta de proxecto para a nosa vila”, asegurou o seu voceiro Rafael García.

García critica que as inversións reais se vexan reducidas a un 2,6 por cento do montante total, “o que supón un mínimo histórico”, e que pola contra suban os gastos salariais do equipo de goberno, “que se converte no máis caro da historia do concello”, asegura.

Os socialistas rexeitan tamén a retirada de axudas ao club de fútbol sala feminino e ao de pádel,  así como a reducción da achega destinada a Falcatrueiros.