Skip to main content
LUGOXARIBEIRASACRAXASARRIAXA

A Deputación esixe á Xunta que reparta entre os afectados pola covid os cartos que recibiu do Estado

Por 26 Xaneiro, 2021Sin comentarios

A Deputación de Lugo esíxelle á Xunta de Galicia 220 millóns de euros de fondos extraordinarios, que xa recibiu do Estado, para as entidades locais e para os sectores económicos máis afectados polo impacto da pandemia. Así se acordou este martes no Pleno ordinario do mes de xaneiro, que se celebrou por vía telemática, tras unha proposta presentada polo Goberno provincial, que saíu adiante cos votos a favor do PSdeG e o BNG, e os votos en contra do PPdeG.

En concreto, a institución provincial reclámalle ao Executivo autonómico que inclúa nos seus orzamentos do 2021 cando menos 100 millóns de euros para os concellos, que ata o momento non recibiron nin un só euro extra para afrontar a pandemia, co obxectivo de axudarlles a facer fronte ás competencias impropias que están cubrindo na loita contra a crise sanitaria, e 120 millóns de euros para crear unha liña de axudas destinadas aos sectores económicos máis afectados polas restricións da Covid-19.

A voceira socialista do Goberno da Deputación, Pilar García Porto, explicou no Pleno que esta iniciativa complementa a proposta das deputacións de Lugo, A Coruña e Pontevedra que foi trasladada onte ao Clúster de Turismo de Galicia de crear un fondo común de rescate para o sector da hostalería e o turismo ao que a Xunta, as catro deputacións e os sete grandes concellos galegos destinen o 1% do seu Orzamento do 2021. “Nós estamos dispostos a seguir colaborando para apoiar a un dos sectores máis afectados pola pandemia”, subliñou.

Fixo fincapé García Porto en que a suma do 1% dos orzamentos da Xunta de Galicia, das catro deputacións provinciais e das sete grandes cidades galegas permitiría crear e coordinar un gran plan de axudas directas ao sector por importe de máis de 140M€, un importe case tres veces superior aos 50M€ que propón o Goberno galego. Este fondo común estaría máis adaptado ás necesidades e á realidade do sector permitindo outorgar axudas de maior contía a hostaleiros e empresas do sector turístico e unha tramitación máis simple, con menos burocracia, ao tramitarse unha única solicitude.

Plan de axudas

A voceira socialista do Goberno lembrou na sesión plenaria que a “Xunta de Galicia non ten presentado nestes meses un plan de axudas concretas para paliar os efectos da Covid nos sectores máis afectados”. Engadiu que a “única iniciativa que puxo en marcha ata o momento foi habilitar unha axuda económica de 22 millóns, unha cantidade que é insuficiente e que non garda relación coas perdas dos negocios, nin co esforzo dos concellos, que non está repartida na súa totalidade e que representa unha porcentaxe ínfima dos fondos extra de loita contra a Covid que lle ten transferido o Goberno do Estado e a Unión Europea á Xunta de Galicia”.

Así mesmo, detallou a Deputada que o Goberno de Núñez Feijóo ten as competencias estatutarias na materia e conta tamén con recursos económicos, xa que no 2020 o Estado lle transferiu 224 millóns de euros a través dos fondos Covid, e vén de anunciar o reparto doutros 441 millóns de euros.

A proposta aprobada polo Pleno da Deputación tamén inclúe que, ao igual que moitos concellos reduciron ou bonificaron os impostos e taxas municipais, a Xunta, tal e como pide a hostalería e o comercio, rebaixe tamén a presión fiscal sobre os sectores afectados eliminando ou bonificando o tramo autonómico do IRPF e o canon da auga, do lixo e o canon eólico. E, ademais, solicita unha mesa institucional interadministrativa na que se acorden as axudas, e incluír nos propios decretos de restricións sanitarias o volume de axudas para facer fronte ás consecuencias que xeran nos sectores afectados.

A voceira provincial socialista cualificou de “demagóxica” a negativa do PP a unha proposta que supón pedir á Xunta que dote ás entidades locais de 100M€ para afrontar as consecuencias da pandemia no tecido social e económico e axudar aos sectores económicos máis afectados con 120M€. “Aquí só hai unha verdade, a Xunta de Galicia xa recibiu 224 millóns de euros, e que fixeron? Nada, poñerlle deberes aos concellos. A Xunta actuou con deslealdade institucional absoluta, sen contar con ninguén. Nós tendémoslle a man á Xunta e ao tecido asociativo e produtivo. Non enganamos con falsidades, pídolles que teñan valor para que a Xunta poña a súa parte proporcional, vano facer? Non”.

Momento do pleno da Deputación por vía telemática