Skip to main content
Quiroga

Piden que os nenos volvan ás clases en Quiroga

Por 30 Xaneiro, 2021Febreiro 2nd, 2021Sin comentarios

CEIP de Quiroga

A dirección do colexio de educación infantil e primaria de Quiroga emitiu un comunicado a través das redes sociais para solicitarlles ás familias dos escolares que volvan a envialos ás clases a partires do vindeiro luns “polo ben do proceso educativo”.

A elevada taxa de contaxios no municipio disparou o medo entre os pais e unha grande maioría do alumnado non acudiu ao centro esta semana.

Desde o colexio, onde hai dúas aulas confinadas por casos positivos, confirmaron que o pasado martes, dos 160 alumnos totais matriculados, só asistiron 25. A cifra foi aínda máis baixa o mércores, cando entraron unicamente polas portas do centro 11 escolares, mentra qeu o xoves houbo tan só 19.

A directora, Ana Núñez, indicou que esta situación púxose en coñecemento de inspección, aínda que optaron por seren comprensivos, dado que en Quiroga a incidencia é tan elevada que ata o propio alcalde, o popular Julio Álvarez, pediu aos veciños que se autoconfinasen nos seus domicilios a partires das seis da tarde.

De todos os xeitos, desde o centro subliñaron que a anomalía “non pode persistir no tempo” e demandaron a asistencia dos nenos ás clases posto que, din, no colexio estase a cumprir “escrupulosamente” o protocolo de Educación.

“Os casos de alumnos contaxiados producíronse no eido familiar e non no colexio”, asegura o centro.