Skip to main content
O Incio

O PP esixe a recuperación da Casona do Incio

Por 30 Xaneiro, 2021Sin comentarios

A Casona do Incio

O Partido Popular pide que se rehabilite a Casona do Incio, da que din que “leva moitos anos á espera da súa recuperación e posta en valor”. Comparan a situación deste inmoble coa da Casa da Botica de Guitiriz e consideran que ambos casos “reflicten moi ben o interese do goberno da Deputación con respecto á preservación do patrimonio provincial”.

Os populares lembran que os veciños do Incio e a propia corporación municipal pediron “innumerables veces” a recuperación da Casona “pero vemos como o goberno provincial incumpre reiteradamente as promesas electorais”. Agora que o inmoble pasou de Suplusa á Deputación piden “novamente o compromiso do goberno provincial para que se arranxe canto antes e non se deixe caer como pasou coa Casa da Botica”. Recordan que a Deputación “dispón de catro millóns de euros que deixou Suplusa, polo tanto é o momento de acometer a rehabilitación da Casona”.

Segundo consideran dende o PP,  “o desprezo do bipartito provincial polos veciños do Incio chegou ao seu máximo nivel hai meses, cando o grupo provincial popular levou ao pleno unha pregunta para que o goberno se comprometera ao arranxo da Casona e o presidente acabou expulsando aos que se acercaron ao pazo de San Marcos para apoiar a iniciativa”. Aseguran que “todo o que veña co selo do PP é rexeitado e ninguneado. Chega a tanto o sectarismo do bipartito que cando os demandantes son veciños dun concello gobernado polo Partido Popular todo son desprezos, coma o do propio presidente aos veciños de O Incio, de Paradela e mesmo de Carballedo. Polo contrario, cando nos visitan veciños de concellos gobernados pola esquerda, as atencións son totalmente diferentes”.

En canto á política de protección do patrimonio da Deputación, os populares din que é “nefasta, xa non só por ser inxusta con moitos concellos, senón porque ademais se está escatimando na súa protección e arranxo”. Os populares reclaman do presidente da Deputación “un cambio drástico e decidido e que aposte por conservar e poñer en valor todos estas edificacións coa maior urxencia, para evitar máis casos como o acontecido en Guitiriz, que vai traer problemas graves ao goberno da Deputación, pode que incluso responsabilidades persoais, aumento de custos de obra e atraso na execución da mesma”.