Skip to main content
Sarria

Os socialistas esixen o arranxo da rúa Diego Pazos de Sarria

Por 27 Xaneiro, 2021Sin comentarios

O PSOE rexistrou unha batería de iniciativas parlamentarias para reclamar á Xunta de Galicia “que asuma a súa responsabilidade e arranxe de xeito urxente” a rúa Diego Pazos en Sarria. Segundo os socialistas, o vial de titularidade autonómica, que transcorre entre os cruces da Avenida e A Ciguñeira, atópase “nun estado lamentable, o que provoca novamente as queixas veciñais dos seus usuarios e dos comerciantes da vila”.

A deputada autonómica socialista, Patricia Otero, sinala na moción rexistrada que “no suposto de que o Goberno de Feijóo non asuma a súa responsabilidade para mellorala, autorice ao Concello de Sarria para facelo. É preciso solucionar o problema do mal estado deste tramo, máis deteriorado, se cabe, coas inclemencias meteorolóxicas destes últimos días, que fixeron practicamente intransitable esta estrada”.

A voceira de Infraestruturas do Grupo Parlamentario Socialista advirte que “o mal estado do firme pode ocasionar danos aos usuarios desta rúa, e ademais compromete a rede de saneamento que se ve gravemente afectada pola acumulación de saburra e outros residuos derivados do deterioro continuo”.

Patricia Otero afirma que a Xunta “ten que velar e protexer os intereses dos veciños e veciñas, así como dos seus comerciantes, máxime neste momento nos que estes últimos o están a pasar francamente mal pola pandemia da covid-19 e a conseguinte crise económica que está a xerar”.

A Deputada lembra que o PP “ten abandonado esta estrada autonómica que transcorre polo Concello de Sarria, xa que non executa o seu acondicionamento, pero o que é máis grave, tampouco concede o permiso correspondente ao Concello para arranxalo”. Por iso asegura que é preciso puntualizar “que os traballos de mellora propostos polo Concello de Sarria xa foron rexeitados en varias ocasións por parte do Goberno de Feijóo”.

“ABANDONO” DO PP MUNICIPAL

Pola súa banda os responsables do PSOE en Sarria, José Luis Noceda e José Manuel López Torre, amosaron a súa preocupación polo abandono de Feijóo coas infraestruturas viarias do Concello. “Os baches e o abandono que sofre esta rúa son un exemplo máis do pouco que lle preocupan os problemas dos sarriáns ao PP”, denuncian.

Responsables do PSOE sarriano na rúa Diego Pazos