Skip to main content
ActualidadeDeportes AMARIÑAXARibadeo

O BeOne pecha o 2020 con récord de participación

Por 2 Xaneiro, 2021Sin comentarios

O BeOne pecha o 2020 con récord de participación O deporte viuse freado de xeito brusco dende marzo e, malia que a día de hoxe as circunstancias non son as de antes, o club BeOne Rugby de Ribadeo pode estar orgulloso de pechar o 2020 cun bo balance. Ante a imposibilidade de seguir coa súa actividade, a organización deportiva púxose a buscar alternativas para seguir crecendo aínda que non fose dentro das competicións.

Para facer medrar a escola seguíronse tódalas campañas da Federación Española de Rugby, formando a adestradores e a árbitros, ademais de tecnificar xogadores e xogadoras. Participaron en xornadas sobre rugby inclusivo, á vez que se traballou coa Fundación Edes, aumentando o número de alumnos e alumnas desta sección. O club participou tamén este ano na campaña #Yoseréleona, onde a xogadora internacional María Casado intervén para consolidar e facer crecer a sección feminina.

Dende BeOne, cando os adestramentos non puideron ser presenciais continuouse co traballo de xeito online e ofrecéronse charlas sobre nutrición. Ademais, segue en marcha o programa Get into Rugby, que xa fora un éxito na pasada campaña coa participación de máis de 500 alumnos en aulas de Educación Física, busca ser máis ambicioso de cara á nova edición. Pretendese que para o 2020/2021 se forme directamente aos docentes mediante un curso homologado de rugby cinta ou rugby touch para que poidan incluír estes contidos nas súas programacións didácticas en colexios e institutos. O I.E.S Dionisio Gamallo xa se inscribiu nesta iniciativa tras realizar varias sesións xunto aos técnicos de BeOne nas que deron a coñecer o rugby aos seus alumnos e alumnas. Unha actividade que tivo “un moi bo resultado, cun alto interese dos rapaces e rapazas” e da cal se espera que “algún deles e delas se anime no mes de xaneiro a probar co club, xa que esta temporada é propicia para iniciarse no rugby, o acercamento é moito máis suave ao non poder facer exercicios de contacto e traballase moito máis a tecnificación”.

O BeOne pecha o 2020 con récord de participaciónPara a categoría sénior, tanto masculina coma feminina, xunto coa Sub18 e algún Sub16, os adestramentos continuaron nestas festas e o 30 foi o derradeiro do ano. Os das categorías da Sub14 para abaixo, que descansan en Nadal, volverán ao verde despois do 7 de xaneiro.

O 2021 deixa a porta aberta a que se poidan iniciar os adestramentos con normalidade, xa que hasta agora soamente se poden facer exercicios sen contacto. O club espera que a medio prazo se poida competir, quizais xogando partidos amistosos ou en torneos puntuais, para poder ver a evolución dos xogadores e xogadoras que tanto traballaron durante a pandemia.

O esforzo de BeOne ao menos queda reflectido no marca que conseguiron en canto ao seu número de xogadores e xogadoras, posto que cerran o ano sumando a maior cifra dende a súa fundación: 30 en escolas, 14 en academia, 18 en rugby inclusivo, 8 en Sub18 e 21 en Sénior. Entre eses números, o 14% correspondese a xogadoras e o club espera poder aumentar a porcentaxe participando no impulso do rugby feminino que fai a campaña da Federación Española. Como propósito para o novo ano tamén pretenden incorporar escolas en Castropol, Foz e Barreiros, para superar no primeiro trimestre o centenar de integrantes.