Skip to main content
ActualidadeAMARIÑAXA

Xove, Viveiro e Burela seguen sumando contaxios novos

Por 7 Xaneiro, 2021Xaneiro 27th, 2021Sin comentarios

A situación epidemiolóxica na provincia de Lugo segue a empeorar seguindo a mesma dinámica que no resto de Galicia e en España. De feito, volven aumentar os casos activos ata os 619, 44 máis que fai 24 horas (a mesma cantidade que onte), xa que nas últimas horas rexistráronse 63 contaxios novos (onte foron 53) mentres que as altas chegan ás 6.693, 25 máis que onte (o día anterior foron 19).

Dende que comezou a pandemia, no mes de marzo do pasado ano, hai 7.460 casos rexistrados e 145 persoas falecidas.

Aínda que a UCI segue baleira a presión hospitalaria en planta aumenta nun caso e xa son 19 os ingresados: 5 no Hula, 11 no Hospital da Mariña (un máis) e 3 no Hospital de Monforte.

A situación na Mariña tamén empeora. Xove rexistra hoxe 99 casos novos nos últimos quince días, cunha incidencia acumulada por habitante das máis altas da provincia. Conta con 20 casos máis que hai só dous días e ten na residencia de maiores un importante foco de contaxio.

En Viveiro, que empezara a estabilizarse, volve subir unha xornada máis e en 48 horas sumou once casos máis ata os 89 detectados nos últimos quince días.

Os dous concellos están con peche perimetral e control da hostalaría así como medidas de aforo ao estar en estado de alerta.

Burela tamén empeora tamén cun gromo na residencia de maiores onde foron vacunados xa da primeira dose. Así, chega a 39 casos en 15 días, doce máis que o día 5. Cervo volve superar os dez casos e xa conta con 12 acumulados na quincena. Foz mantense en dez e Ribadeo baixa ata os 25.

O resto de concellos mariñaos teñen moi baixa a incidencia e Lourenzá e Barreiros son os únicos onde non houbo casos novos de covid na última quincena. No Vicedo, que se mantivo sen casos varias semanas e tiña 6 na xornada previa, pechou unha cafetería ao público ao detectarse un contaxio entre o persoal.

No resto da provincia a situación non logra controlarse en Vilalba e detetouse un gromo na Pastoriza, mentres mellora en Xermade e Lugo volve aos cen casos acumulados.

VACINACIÓN

A Xunta de Galicia vacinou antes de Reis, coas primeiras 18.500 doses, a algo máis de 12.000 persoas de 152 centros sociosanitarios, cumprindo o plan elaborado pola Consellería de Sanidade, segundo o cal, cada semana vacinaranse arredor de 12.200 persoas, aínda que non se descarta vacinar a mais, se se garante a chegada compremetida polo Ministerio de Sanidade.

Ata o de agora, a Xunta recibíu 37.500 doses, das que 18.550 pertencen a última remesa que chegou o pasado luns, día 4 de xaneiro. Hoxe martes está previsto vacinar a 4.715 persoas máis. Non se puido administrat ata hoxe polo tempo para adecuar a temperatura.

A previsión é rematar a vacinación da primeira dose a mediados deste mes de xaneiro.

O departamento sanitario galego mantén, polo de agora, unha reserva dun tercio das vacinas por si se produce unha rotura do stock, para garantir a administración da segunda dose.

O Servizo Galego de Saúde quere agradecer o excelente traballo dos equipos de vacinación. Persoal de enfermería que están a traballar cunha gran profesionalidade e unha actitude impecable.