Skip to main content
ActualidadeRibadeo

Ribadeo acolle o luns a X Festa do Comercio

Por 10 Xaneiro, 2021Sin comentarios

O vindeiro luns, 11 de xaneiro, terá lugar a X Festa do Comercio de Acisa, que repartirá 4.000 euros en premios. O sorteo por primeira vez non será presencial por mor da actual situación sanitaria, pero emitirase a través do facebook da asociación.

Desde o pasado 4 de decembro e ata o 10 de xaneiro as rifas estarán a disposición dos clientes de todos os negocios asociados a Acisa Ribadeo. O xerente, Jesús Pérez, explica que “aínda quedan rifas nalgúns locais comerciais. Cando a xente a acuda a facer as súas compras de rebaixas estes días que as pida. Sabemos que tamén hai establecementos que as esgotaron. Puxemos en circulación 125.000 rifas, que para que sexan válidas teñen que ir debidamente seladas polos establecementos que participan na campaña de Nadal”. Pérez Prada dixo que “o que ten que facer a xente estes días é xuntar todas as papeletas que obtiveron o longo de máis dun mes para despois o luns a mediodía ver si tiveron a sorte de facerse con algúns dos premios que poñeremos en xogo”.

O xerente de Acisa subliñou que “a partires das 12 do mediodía do vindeiro luns poderase seguir a través do facebook da asociación o sorteo da X Festa do Comercio”.

O presidente da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo, Francisco Iriarte, indicou que “este ano tamén temos novidades nos premios.  Imos repartir un premio de 2.000 euros, un premio de 1.000€, un premio de 500 euros e cinco premios de 100€. Pensamos que a campaña, un ano máis, foi un éxito xa que as papeletas repartíronse a moi bo ritmo. Queremos desexarlle moita sorte a toda a clientela dos negocios de Ribadeo e deben saber que teñen ata o 22 de xaneiro para presentarse na oficina de Acisa e reclamar o premio que despois deberán consumir nos establecementos adheridos á nosa asociación”.

Iriarte Quintana manifestou que “é unha mágoa non poder compartir unha tarde máxica no parque de San Francisco ou no Teatro, como estes últimos anos, pero o covid segue a marcar as nosas vidas e o primeiro é a saúde e a responsabilidade de todas e todos nós. Haberá máis Festas do Comercio nas que poder xuntarnos, seguro que si”.

Enquisa entre o empresariado asociado

Por outra banda, Acisa está a realizar unha consulta entre as súas asociadas e asociados para coñecer de preto cal é a situación pola que están a atravesar os negocios en Ribadeo tras case un ano de convivencia co covid e con todas as medidas que tiveron que levar a cabo para afrontar esta nova situación. O presidente de Acisa, Francisco Iriarte, pide “aos nosos asociados que dediquen 5 ou 10 minutos para responder ás preguntas que aí se lles fan. O obxectivo é coñecer polo miúdo en qué situación nos atopamos, como discorreu o ano, como foi a campaña de Nadal, como pasaron o 2020 e cómo afrontan este 2021 que acabamos de estrear”.

O xerente, Jesús Pérez, engadiu que “as conclusións que obteñamos desta enquisa levarémolas á asemblea xeral que celebraremos, si é posible, o vindeiro mes de mazo”.  E puntualizou que “a enquisa é voluntaria e todas as respostas e os datos ofrecidos serán anónimos e confidenciais”.