Skip to main content
ActualidadeAMARIÑAXARibadeoTrabada

Ribadeo e Trabada avanzan nas xestións para un servizo de abastecemento de auga conxunto

Por 9 Xaneiro, 2021Febreiro 19th, 2021Sin comentarios

Ribadeo e Trabada avanzan nas xestións para un servizo de abastecemento de auga conxunto

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de adxudicar a redacción do proxecto construtivo a mellora do abastecemento nos concellos de Ribadeo e Trabada.

Este contrato, cun investimento autonómico de máis de 18.000 euros, foi adxudicado á empresa Idom Consulting, Engineering, Architecture S.A.U. Os traballos contan cun prazo de execución estimado de 6 meses.

Os traballos a realizar consisten na redacción dun proxecto construtivo para o desenvolvemento a nivel de detalle da alternativa seleccionada e validada por ambos concellos, para dar solución ao deterioro das redes municipais de abastecemento de auga deste municipios.

A Xunta e os Concellos de Ribadeo e de Trabada acordaron impulsar conxuntamente unha solución aos problemas de abastecemento de ambos os dous municipios, co financiamento, tamén, da Deputación provincial de Lugo e a Confederación Hidrográfica do Cantábrico.

CONCELLO DE RIBADEO

O Concello adxudicou os traballos de campo e definición de trazado de detalle no termo municipal de Ribadeo da nova condición xeral para o subministro de auga potable desde Trabada. Este contrato, que conta cun investimento de 17.968,50 euros, foi adxudicado á empresa de enxeñería IdomConsulting, Engineering, Architecture S.A.U.

O alcalde, Fernando Suárez, explicou que “os traballos a realizar consisten nos servizos de enxeñería para a realización do conxunto de campañas de campo que son necesarias para garantir a viabilidade técnica e poder definir o trazado de detalle no termo municipal de Ribadeo para a nova condución xeral de abastecemento a Ribadeo desde o límite co Concello de Trabada e que procede do depósito de Vilarbetote”.

O rexedor subliñou que “este contrato é o resultado das xuntanzas e compromisos mantidos nestes últimos tempos entre os Concellos de Ribadeo e Trabada coa Xunta de Galicia para buscar unha solución definitiva a esta problemática sufrida desde hai moito tempo polo estado obsoleto dunhas tubarias que datan de finais dos anos setenta do século pasado e que frecuentemente provocan avarías e poñen en serio risco de desabastecemento á poboación. De aí que hai uns meses foi realizado pola entidade pública autonómica de Augas de Galicia un estudo de alternativas de paso, no que se analizou a substitución da condución de abastecemento actual, que se atopa nun estado deficiente, por un sistema eficiente e tecnicamente viable”.

Suárez Barcia indicou que “agora este novo paso pretende contribuír á redacción definitiva dun conxunto de proxectos que permitan determinar o montante total necesario para a execución das obras, correspondéndolle a este Concello os levantamentos topográficos, traballos xeotécnicos e xeolóxicos e as avaliacións dos organismos afectados. Con esta actuación o Concello de Ribadeo segue a impulsar, xunto co Concello de Trabada e a entidade hidráulica da Xunta de Galicia, as tarefas para definir as obras necesarias para solucionar os problemas de abastecemento de ambos os dous municipios”.

O alcalde lembrou que “a Xunta e os concellos de Ribadeo e de Trabada acordaron impulsar conxuntamente unha solución aos problemas de abastecemento de ambos os dous municipios, comprometéndose todas as partes para buscar o financiamento necesario co fin de executar esta obra de carácter supramunicipal tan importante para ambos os dous concellos”.

CONCELLO DE TRABADA

Pola súa conta, o Concello de Trabada destina preto de 6.000 euros para a elaboración do estudo de detalle da alternativa seleccionada no ámbito do seu territorio, co obxecto de validar o trazado dende un punto de vista xeotécnico, topográfico e administrativo.

Os traballos a realizar consisten nos servizos de enxeñería para a realización do conxunto de campañas de campo que son necesarias para garantir a viabilidade técnica e poder definir o trazado de detalle no termo municipal de Trabada para a nova condución xeral de abastecemento a Ribadeo desde o límite co Concello de Ribadeo ata o depósito de Vilarbetote.

Este contrato é o resultado das xuntanzas e compromisos mantido nestes últimos tempos entre os Concellos de Ribadeo e Trabada coa Xunta de Galicia para buscar unha solución definitiva a un problema herdado e que pon en risco de desabastecemento de auga potable á pobaoción de Ribadeo e á de sete núcleos de poboación do Concello de Trabada (Vilarbetote, A Rabexa, Sante, Pacios, Pedrido, San Martiño e Vilafernando)

Con esta actuación, o Concello de Trabada segue a impulsar, xunto co Concello de Ribadeo e Augas de Galicia, as tarefas para definir as obras necesarias para solucionar os problemas de abastecemento de ambos os dous municipios.

Cómpre lembrar que a Xunta e os Concellos de Ribadeo e de Trabada acordaron impulsar conxuntamente unha solución ao problemas de abastecemento de ambos os dous municipios, comprometéndose todas as partes para buscar o finanzamento necesario para executar esta obra de carácter supramunicipal tan importante para ambos os dous Concellos, e quen sen dúbida supón un importante esforzó inversor para as entidades locais.