Skip to main content
ActualidadeMondoñedo

O PSOE de Mondoñedo, en desacordo co proxecto de renovación da praza da Catedral

Por 9 Xaneiro, 2021Febreiro 19th, 2021Sin comentarios

O PSOE de Mondoñedo, en desacordo co proxecto de renovación da praza da Catedral

Grupo Socialista de Mondoñedo advirte que “o proxecto de renovación da Praza da Catedral non contribúe a mellorar a funcionalidade da praza, senón máis ben todo o contrario, reduce a visibilidade da súa fachada, rompe a harmonía arquitectónica e as novas pedras de cantería empobrecerían a praza”.

Os socialistas rexistraron un escrito no Concello de Mondoñedo no que analizan a súa postura con respecto a este proxecto. “Por unha banda coa ampliación do cantón vaise reducir a visibilidade e amplitude da praza, así como a funcionalidade da mesma, coa considerable redución do amplo espazo do que podemos desfrutar actualmente”, sinala a súa voceira Esperanza González.

Tal e como se sinala no proxecto, no que se refire a colocación de pedra nova que se require para mover a balaustrada, “entendemos que vai romper a harmonía da praza xa que son pedras completamente novas, ademais ese material será cortado con máquinas, como xa ocorre actualmente con diversas actuacións que se fixeron nesta mesma balaustrada. E tal como se pode comprobar aínda hoxe a praza se resinte desta actuación”.

No que atinxe á ampliación do cantón grande e da balaustrada. “Segundo os planos a praza pasaría de ter de 1.721,27 m2 actuais a 1.529,17 m2 co proxecto modificado. Reducir estes metros á praza da catedral, en ambos sentidos, afectaría sensiblemente á visión global da praza. E ao mesmo tempo mermaría a función da praza con menos espazo, quedando unha praza máis encaixada”.

Tamén queremos sinalar que “nos parecen positivas e necesarias, as obras de saneamento no trazado de rúa que existe entre Calenda (antiga libreria Alvite), que propón o Concello, xa que tal e como comprobamos é unha zona de pequenas inundacións cando hai fortes choivas, pola falla de canalizacións. Outra medida que valoramos positivamente é o peche á circulación, dentro da Praza, nos meses de verán xa que contribuiría a mellorar o entorno deste espazo”.

Uso dos novos espazos

Sobre os usos dos novos espazos coa proposta da ampliación hai que remarcar que “neste proxecto non queda claro quen vai ocupar os novos espazos que se crearán no entorno, por exemplo coa ampliación do cantón. Si este espazo vai ser para os peóns ou para colocar mesas?. Tampouco queda claro onde van colocar os taxis?”, advirten.

Por último, “entendemos que un proxecto desta envergadura, nun entorno tan relevante como é a Praza da Catedral de Mondoñedo, Patrimonio da Humanidade, debería contar con máis propostas, a través dun concurso de ideas con profesionais especializados neste tipo de actuacións. Nesa liña queremos  lembrar que o Concello de Mondoñedo conta tamén cunha oficina de Rehabilitación, polo tanto sería convinte escoitar a súa visión sobre este proxecto, e que proposta ofrecería sobre esta rehabilitación”.

O Grupo Socialista de Mondoñedo contrastou este proxecto con arquitectos da nosa Comunidade, que non aconsellan esta intervención. Ademais tamén mantivemos contactos con propietarios das vivendas da afectadas por estas obras situadas na Praza da Catedral, que din descoñecer o proxecto.