Skip to main content
Ribadeo

Cherry, organizador do Rock Solidario: “Non podíamos actuar en vivo, pero si continuar coa iniciativa”

Por 24 Xaneiro, 2021Xuño 13th, 2023Sin comentarios

Cherry, organizador do Rock Solidario, fala de como crearon o seu CD

Ribadeo leva contando dende fai ao redor de dez anos coa solidariedade das bandas da vila. Os artistas reúnense anualmente para actuar en directo e así recadar fondos para a xente que máis o necesita. No 2020 a iniciativa do Rock Solidario tivo que adaptarse á situación sanitaria e, ante a imposibilidade de actuar en vivo como no resto das edicións, decidiron unirse para sacar un CD recopilatorio. O disco xa está á venda por 10 euros e os fondos que se recollan doaranse integramente aos Servizos Sociais do concello.

O principal organizador dos actos, Cherry Guelin, conta a súa experiencia co Rock Solidario durante estes anos e explica como foi a posta en marcha da publicación do CD En Ribadeo Cada un Soa ó Seu.

Como xurdiu a iniciativa do Rock Solidario?

Naceu no ano 2010, xuntámonos os grupos de Ribadeo para facer unha especie de festival no Minibar –un local onde se facían concertos en directo– co fin de recoller fondos para a xente de Haití trala desgracia do terremoto. Vimos que se nos xuntábamos podíamos facer cousas boas, despois orientámonos máis cara ao pobo, un ano recollemos xoguetes, vales de compra para familias desfavorecidas, etc. Dende aquelas fixemos iniciativas case cada ano. No 2019 actuamos no parque de San Francisco e recollemos fondos para Darío, un neno que ten unha enfermidade dexenerativa e tíñase que operar. Conseguimos máis de 1.300 euros.

Este ano vístesvos obrigados a cambiar o formato. Como se vos ocorre a idea de facer un CD?

Coa situación sanitaria actual non podíamos actuar en directo, pero queríamos continuar coa nosa iniciativa. Como hai moitos grupos e moita música en Ribadeo e as bandas xa teñen pistas gravadas, pensamos que era unha boa ocasión para facer un CD recopilatorio. Así crearíamos unha mostra da música local dos derradeiros 20 anos que ademais poderíamos vender para colectar cartos.

A quén irán dirixidos eses cartos?

Neste caso, os beneficios irán integramente destinados aos Servizos Sociais de Ribadeo. Creemos que é unha maneira moi directa de chegar á xente que o necesita de verdade. Os Servizos Sociais teñen unha listaxe das familias do concello máis desfavorecidas e así nos aseguramos de que os cartos vaian directamente para eles.

Como foi o proceso de gravar o CD?

Contactamos cos grupos que tiñan cancións xa gravadas, foi unha mágoa porque houbo xente que tivo que quedarse fóra debido ás calidades das gravacións ou porque xa non había espazo no CD. Recollemos as pistas e algunhas remasterizáronse para que todo o disco tivera un bo son.

Que atopará a xente no En Ribadeo Cada un Soa ó Seu?

O disco vai orientado principalmente ao rock, é o xénero do que máis grupos saíron en Ribadeo dende o 2000, e os que participaron sempre nas iniciativas do Rock Solidario. Sen embargo, tamén hai bandas de rap, blues e música máis acústica. Das 18 cancións que ten o CD, hai temas inéditos de xente que nunca antes editara un disco, ademais de novas versións. Incluímos o tema que fixemos algúns artistas ribadenses durante a corentena, o de Héroes en Zapatillas. É unha mestura que fixemos no confinamento, gravamos cada un dende a súa casa e despois  montámolo e o compartimos en redes sociais para animar á xente neses duros momentos. Tamén hai cancións de músicos que xa non están en activo, pero que forman parte da historia musical de Ribadeo. Penso que o CD é unha boa maneira de deixar constancia da nosa historia e de animar ás xeracións que veñen a que continúen co legado.

O disco xa está á venda. Onde pode atoparse?

Saíu o pasado 31 de decembro, ten un custe de 10 euros que se doa integramente aos Servizos Sociais. Nós mesmos tamén compramos o CD. Pódese atopar na tenda de música Vírgula, no bar Cienfuegos, en Gráficas Santiago e en O Bosque Animado. Estará á venda ata que se esgoten as existencias, o ideal sería que se esgotaran o máis cedo posible para que a xente non se esqueza desta iniciativa. Polo momento a xente esta respondendo moi ben.

Por que optastes polo formato tradicional e non por publicar as cancións nalgunha plataforma en liña?

É certo que agora o CD estase quedando obsoleto, pero é mais polo que representa, por ter un recordo físico da música ribadense. Ademais, queriamos recadar o máximo posible para axudar aos Servizos Sociais e subíndoo ás plataformas sería inviable sacar beneficios para a iniciativa. Cando se rematen as existencias do disco posiblemente o subiremos á rede para que a xente poida gozar del nese outro formato.

Cando se poda, continuaredes facendo o Rock Solidario en directo ou pode haber un segundo CD?

A idea principal dos actos solidarios sempre foi actuar en directo, ofrecerlle algo á xente, que nos de algo a cambio e nós facer algo bo para os demais. A intención é recuperar a iniciativa solidaria con actuacións en directo, os grupos teñen moitas gañas de volver tocar e o público de poder sentir a música. Aínda así eu espero que, quizais dentro doutros 20 anos, haxa suficientes grupos en Ribadeo para volver sacar outro CD recopilatorio.

Mais aló do Rock Solidario, como está afectando a pandemia aos grupos ribadenses?

En Ribadeo xa antes da covid19 tivemos unha mala época, os locais onde se podían facer concertos foron pechando. O Minibar era o escenario por excelencia dos grupos que viñan a tocar aquí e pechou. Ultimamente soamente se podían facer acústicos no Cienfuegos ou tocar na rúa, como viñamos facendo coas anteriores iniciativas do Rock Solidario. Nese sentido aos grupos ribadenses non lles afectou tanto, pero si tendo en conta que agora nin sequera se pode saír fora da vila para tocar. Moita xente tivo que facer unha parada importante, eu estou no grupo Beetle Judge, rematamos de gravar e empezou a pandemia. Tiñamos pensado presentar o disco pero non puidemos. Estamos esperando a que todo isto remate para facer unha presentación en condicións. Gustaríanos tamén que alguén se animara a abrir un local no que se poidan facer directos, fai falla para mover a música na nosa vila.