Skip to main content
ActualidadeBurela

O BNG de Burela pide a reunión da comisión de seguimento da covid-19

Por 22 Xaneiro, 2021Sin comentarios

A terceira vaga da pandemia está a afectar con dureza a todo o país incluída a comarca da Mariña. Segundo o voceiro do BNG en Burela, Mario Pillado, “o noso concello, entre outros, queda afectado por un peche perimetral, toque de queda de 22:00 a 6:00 horas e restricións de aforo e horarios para a hostalaría e o comercio en xeral, coas consecuencias que isto ten para o tecido socioeconómico, posto que se trata do cuarto peche ó que se enfronta a nosa vila”

Pillado engadiu que “na nosa vila atópase tamén o Hospital Público da Mariña, onde tamén aumentou o número de doentes hospitalizados por Covid19, algo que tamén nos preocupa, tanto polos casos da propia enfermidade, como tamén polos atrasos que a situación pode xerar noutras patoloxías debido a situación do centro hospitalario”.

Para o BNG, o concello de Burela ten que coordinar as solucións para os atoamentos no Hospital.

 Neste centro hospitalario é tamén onde se levan a cabo as probas PCR de toda a Mariña. O voceiro do BNG continuou dicindo que “estas probas fanse no interior dos vehículos, feito que está a xerar longas colas que colapsan os accesos ó centro e as rúas mais achegadas. Os intentos por regular o tráfico nos momentos de maior atoamento non deron moito froito e repítense as colas a diario”.

O voceiro do BNG en Burela, Mario Pillado, finalizou comentando que “o concello de Burela ten que coordinarse co resto de administracións e autoridades para dar solución a este problema posto que supón un inconveniente tanto para quen ten que pasar a proba PCR como para o resto de veciñanza que precisa acceder ó hospital ou mesmo para o paso de ambulancias”