Por Raúl Río

O 22 de xaneiro de 1961, un comando do DRIL (Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación), composto por so 24 homes, galegos e portugueses, un asturiano e un alacantino, todos eles exiliados en Venezuela, secuestraron o transatlántico Santa María, que saíu o día 21 de A Guaira venezolana cara a Miami con 612 pasaxeiros e 350 tripulantes, co fin de desvialo cara o golfo de Guinea e levantar ás colonias portuguesas africanas para derrocar as ditaduras de Franco e Salazar.

O comando tiña como xefe militar ao galego, ex comandante da armada española, Xosé Fernández Vázquez (Jorge de Soutomaior), e dous xefes políticos; Xosé Velo (Xunqueira de Ambía), por Galicia, e o capitán portugués Henrique Galvão, que exercía como responsable político da operación, por tratarse dun barco desa nacionalidade.

Cando estaba na alta mar, a unha e media da madrugada dese 22 de xaneiro, un comando de homes armados tomou a oficina da estación de radiotelegráfica, outro a sala de máquinas e un terceiro irrompeu na ponte de mando tomando por sorpresa a mariñeiros e oficiais. Nesta acción, morreu o terceiro piloto João José do Nascimento, e outros dous mariñeiros que opuxeron resistencia resultaron feridos.

Desde o primeiro momento o comandante, Jorge de Soutomaior, tomou o control da nave, desconectou a radio-telégrafo e o resto do mundo non volveu saber nada do barco ata que tiveron que deixar o morto, os feridos e un médico na illa caribeña de Santa Lucía, o día 23. A estratexia de Soutomaior era inducilos a manobrar afastándoos do rumbo verdadeiro que el pensaba seguir, por iso mandou un telegrama que ían para Miami, que era a seguinte escala, para deixar aos corenta e seis norteamericanos, pero que chegarían mais tarde porque tiñan avaria nunha caldeira. So dese xeito puido levar a cabo o primeiro acto político de piratería na mar, unha odisea heroica durante trece días polo Océano Atlántico, a pesar das mobilizacións que levaron a cabo unidades militares de EE.UU, Gran Bretaña, Holanda, España e Portugal.

Pero, o día 25 as tres da tarde atópanse co mercante holandés “Vibeke Gulwa”, que logo daría as coordenadas de onde se atoparan, pero o comandante cambiou o rumbo do Santa María e os avións estadounidenses que intentaron localizalo non deron con el. Un grupo de senadores critica a eficacia do sistema de detección da Flota do Atlántico e o Presidente Kennedy ordena ós destrutores ancorados en Costa de Marfil, “Vagelgseang” e “Gearing”; a un cruceiro lixeiro, o destrutor “Robert L. Wilson” e o submarino atómico “Seawolf,” apostados en Porto Rico, que o bloqueen no Caribe e Bahamas, pois pensaban que irían para Cuba, onde dous anos antes triunfara a revolución socialista.

Un avión contacta con eles o 26 e dilles por radiofonía que o almirante Dennison, xefe da escuadra do Atlántico, ordénalles que se dirixan a San Xoán de Porto Rico, ao que lle contesta Soutomaior que eles non reciben ordes de ninguén. Entón Salazar solicita a Kennedy que aprese o barco, pero o presidente de EE.UU. contéstalle que vai entrar en negociacións cos captores, aos que considera insurrectos e non piratas, e que en ningún momento pensou apresar a nave.

O 27 continúan navegando, acompañados pola aviación ianqui e dan a coñecer pola radio que rebautizaron o barco, colocando unha grande pancarta co nome de “Santa Liberdade”, polo que algúns católicos portugueses residentes no Brasil pediron ao Papa que fosen excomungados. A axencia France Press anuncia que o cruceiro Canarias e o destrutor Lima navegan a toda máquina coa intención de afundilo con pasaxeiros e todo, como ordenara Salazar, mentres os avións ianquis desaparecen e os pasaxeiros séntense defraudados.

Pero o día 28 volve aparecer a flota ianqui arrodeando o Santa Liberdade. O destrutor Gearing crúzase diante cos canóns desenfundados e Soutomaior enfila a proa do Santa Liberdade cara a el coa intención de partilo en dous, o que fixo desistir ao destrutor, que enfundou os canóns, colocou bandeiras de colores en sinal de amizade e por medio da radio acordan que unha delegación ianqui presidida polo segundo comandante en xefe da Flota do Atlántico, o contraalmirante Allen E. Smith jr., subiría ao paquebote coa intención de negociar. Acompañaríano outros once xefes do estado maior desa flota, dous periodistas e dous civís sen identificar, que nada mais subir a bordo tiveron que escoitar, firmes e estoicamente, os himnos de Portugal e de Galicia.

A intención dos militares ianquis era que se entregaran en Belem de Pará, onde tiñan unha base naval, co que o inconsciente Galvão estaba de acordo, pero non Soutomaior nin Velo, ao entender que sería meterse nunha rateira e dixeron que baixarían os tripulantes e pasaxeiros en Recife e despois afundirían o barco, si tiñan combustible e xente dabondo para levalo a alta mar, do contrario, entregaríano ao Goberno brasileiro de Janio Quadros, amigo de Galvão, que acababa de tomar a presidencia.

Foi así como o día 3 de febreiro entraron no porto de Recife, onde foron recibidos como heroes por unha gran multitude de xente no peirao. Alí baixaron ordenadamente os pasaxeiros e tripulantes, depoñendo as armas as 18,30 horas e entregando o barco á mariña brasileira, ao non contar con combustible nin tripulantes dabondo para levalo e afundilo en alta mar. O Goberno de Janio Quadros considerounos insurrectos, deulles asilo político a eses revolucionarios que trouxeron en vilo ao mundo durante trece días, remataron así un episodio heroico que atuou á poderosa Flota do Atlántico do imperio norteamericano, un acto que non se conta nin se escribe na nosa historia, pero que nos enche de orgullo, debido a valentía deses 24 homes e á nobreza do fin que perseguían.