Skip to main content
Comarca AMARIÑAXA

Seis centros mariñáns participan no programa Eduemprende

Por 1 Febreiro, 2021Sin comentarios

O proxecto Eduemprende, concibido para fomentar o espírito emprendedor entre o alumnado galego, conta este curso coa participación de 19 centros de distintos niveis educativos pertencentes a 12 concellos da provincia de Lugo.

Así, participan seis centros da cidade de Lugo – os CIFP As Mercedes e Politécnico, os IES Leiras Pulpeiro e Ánxel Fole e os CEIP Rosalía de Castro e Manuel Mallo Mallo -; dous IES de Monforte de Lemos – A Pinguela e Francisco Daviña Rey -; así como os IES Gregorio Fernández de Sarria, Lois Peña Novo de Vilalba e Fonmiñá da Pastoriza; o CEIP Plurilingüe Santa María da Fonsagrada e o CPR Berlarmino Fernández Iglesias de Sober.

Tamén están presentes seis centros mariñáns, dous deles de Viveiro – IES María Sarmiento e CPR Plurilingüe Landro -, así como os IES Perdouro de Burela e Plurilingüe San Rosendo de Mondoñedo, CIFP Porta da Auga de Ribadeo e CEIP Plurilingüe da Pontenova.

No contexto da covid-19, os programas eduemprende revisáronse e actualizáronse para proporcionar ao alumnado e ao profesorado a posibilidade dunha participación virtual, co obxectivo manter a convocatoria nunha contorna escolar saudable e segura. Nesta adaptación cómpre salientar o esforzo e a implicación das empresas e institucións colaboradoras.

Centros lucenses ofertan cinco dos sete programas incluídos no plan

A convocatoria deste curso incluíu sete programas, dos que cinco contan coa participación de centros escolares da provincia de Lugo: Actúa, Atrévete, EduTecEmprende, Finanzas para mortais e Grand-prix financieiro

Un dos programas, Actúa, ten como obxectivo achegar a realidade emprendedora ao alumnado coa presenza activa de persoal técnico do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e de persoas emprendedoras que dean a coñecer ao alumnado a súa experiencia persoal. Vai dirixido a estudantes de segundo curso de ciclos formativos de grao medio e superior das ensinanzas de FP, deportivas ou de artes plásticas e deseño, así como aos de Bacharelato que estean a cursar a materia de Economía.

Pola súa banda, Atrévete ten a finalidade de dar a coñecer ao alumnado directamente e a través do profesorado o tecido industrial da súa contorna, en concreto as empresas das diferentes asociacións empresariais colaboradoras, e sensibilizar á comunidade educativa da importancia de construír e fomentar unha nova cultura emprendedora. Este programa vai dirixido a alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria e 1º e 2º de ESO.

Por outro lado, o programa EduTecEmprende vai dirixido ao alumnado de 3º e 4º da ESO, Bacharelato e FP, e consiste na visita a empresas e centros tecnolóxicos galegos, nas que o alumnado terá a oportunidade de entrar en contacto co funcionamento dos mesmos así como con novas técnicas de produción e tecnoloxías intelixentes no seo das industrias 4.0. Tamén poderán coñecer de primeira man a experiencia profesional dos traballadores e traballadoras destes ámbitos.

Outra das actividades que estará presente en centros de Lugo é Finanzas para mortais, dirixido ao alumnado de 3º e 4º da ESO, 1º e 2º de Bacharelato e FP. Ten como finalidade fomentar a cultura financeira no sistema educativo, con actividades como talleres e charlas organizadas impartidas por persoal voluntario dunha entidade bancaria. Así mesmo o alumnado de Formación Profesional de Ciclos de Grao Superior de Administración e Finanzas recibirá a formación necesaria para incorporarse como voluntarios ás devanditas actividades.

Por último, Grand prix financeiro pretende desenvolver actividades e xogos para que o alumnado aprenda, dun xeito activo e en primeira persoa, as primeiras pautas de como adaptarse a un orzamento e a importancia do aforro na vida. O programa vai dirixido a alumnado de 3º a 6º de Educación Primaria.