Skip to main content

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde de subvencións da Consellería do Medio Rural para a prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e catástrofes en montes veciñais en man común e en Sociedades de Fomento Forestal (Sofor). O orzamento desta convocatoria ascende a catro millóns de euros, dos cales 400.000 euros son para o presente ano 2021 e os 3,6 millóns de euros restantes para o ano 2022.

Estas achegas, que están cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), contribúen a minorar as consecuencias e os impactos negativos que os incendios forestais poidan provocar sobre a capacidade potencial de desenvolvemento e produción dos montes e, en conxunto, sobre a fauna, a flora e a paisaxe de Galicia. Para isto, establécense dúas liñas de subvencións: unha para o control selectivo de combustible e outra para a construción de puntos de auga.

A primeira liña, que conta cun orzamento de 3,3 millóns de euros, engloba todas aquelas accións encamiñadas a eliminar ou reducir os riscos que poden ser causa de incendios forestais e da súa propagación. Así, subvencionarase o control selectivo de combustible en áreas de devasas, faixas auxiliares de pista, rexenerado forestal natural así como na roza de penetración, rareo e eliminación de restos das entrefaixas de masas forestais. O obxectivo é reducir a carga de combustible presente no monte e crear zonas con descontinuidade horizontal e vertical, contribuíndo así a anticiparse aos incendios.

Canto á segunda liña de axudas, que conta cun orzamento de algo máis de 670.000 euros, subvencionarase a construción de puntos de auga para a prevención e defensa contra os incendios forestais, que se localizarán en zonas estratéxicas para a defensa dos núcleos de poboación e das masas forestais.

Deste xeito, poderán beneficiarse destas achegas os titulares de montes veciñais en man común, as súas agrupacións e mancomunidades e as Sociedades de Fomento Forestal (Sofor). As solicitudes deben presentarse obrigatoriamente por vía electrónica no prazo dun mes a contar dende mañá.

O enlace á orde no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210216/AnuncioG0426-020221-0006_gl.html