Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

A Deputación destina 2,6 millóns de euros á roza de estradas

Por 26 Febreiro, 2021Sin comentarios

Pista provincial sen rozar

A voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, informou este venres de que a Deputación de Lugo destina 2,6M€ á roza da rede viaria provincial entre este ano e o 2022, o que supón “un importante investimento, que servirá para mellorar a seguridade viaria e a calidade e comodidade dos condutores, ademais de favorecer a prevención de incendios durante o verán”.

A Xunta de Goberno aprobou a licitación do contrato para a prestación deste servizo “coa previsión de que os traballos poidan acometerse entre os meses de xuño e xullo para que en agosto, a tempada máis forte a nivel turístico e de mobilidade, a totalidade dos máis de 4.000 quilómetros de vías provinciais estean limpos para o desfrute da veciñanza e dos visitantes”, explicou García Porto.

Como nas ocasións anteriores, o contrato divídese en 24 zonas para axilizar os traballos, ao poder acometelos así en distintas estradas ao mesmo tempo.

A voceira explicou que os traballos consistirán na roza e limpeza xeral da maleza en ambas marxes das vías, de maneira que queden despexadas as bermas e cunetas, taludes, zonas situadas baixo as barreiras metálicas e a contorna das sinais e peches. Tamén a poda do arborado para deixar un gálibo vertical libre de 5 metros en todo o ancho da vía.

Cada licitador non se poderá presentar a prestar servizo en máis de tres zonas nin ser adxudicatario de máis dun lote, salvo que algún deles quedase deserto.

Pilar García Porto subliñou que “a mellora da mobilidade é unha das liñas de actuación prioritarias marcadas polo Presidente da Deputación, tal e como demostran os Orzamentos provinciais para este ano 2021, nos que subimos as partidas para o mantemento e a mellora da rede viaria nun 14%, ata superar os 16M€”.

Hortos urbanos

A Xunta de Goberno tamén aprobou a adxudicación do servizo de dinamización e posta en valor dos 175 hortos urbanos que a Deputación de Lugo ten no Paseo do Rato e en Paradai. O contrato quedou adxudicado á empresa Agrotecnia S.L. por importe de preto de 175.000€ e terá unha duración de dous anos.

Pilar García Porto detallou que a función da empresa será asesorar aos usuarios e usuarias dos hortos provinciais en temas relacionados coa horticultura ecolóxica e xestión de recursos, materiais e maquinaria que a Deputación de Lugo poida poñer a súa disposición para o cultivo dos terreos. A empresa tamén deberá xestionar e organizar o día a día nos hortos, cun horario de atención presencial, telefónico e tamén por medios dixitais. Elaborará un programa formativo interno para os propios usuarios, no que se recollan guías de boas prácticas, información, charlas e seminarios. Ocuparase ademais de desenvolver un programa formativo externo, abrindo as actividades a persoas alleas ós hortos. 

A voceira socialista do Goberno da Deputación avanzou que, previsiblemente na Xunta de Goberno da vindeira semana, se aprobará a adxudicación dos 55 primeiros hortos do Rato, que foron concedidos a través dun sorteo público a persoas ou entidades que xa foran usuarias dalgún horto urbano con anterioridade.

En canto ás 95 parcelas que quedaron libres despois deste sorteo, están destinadas a persoas que nunca tiveron un horto. A adxudicación farase a través dun proceso de concorrencia competitiva, que tamén se aprobará convocar nos vindeiros días, e no que primarán criterios sociais, como estar en situación de desemprego, ser representante dun centro educativo ou traballar para un colectivo social, ente outros.

Esta adxudicación afecta aos hortos do Rato. No caso dos de Paradai, a Deputación informará do sistema que se vai seguir, xa que levan unha tramitación diferente porque son uns terreos que eran propiedade da extinguida SUPLUSA.

Centros de maiores

Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou a adxudicación do contrato para a prestación do servizo de mantemento integral das instalacións térmicas e o control e prevención da lexionelosis nos centros de atención a maiores da Deputación. O contrato cubre, tanto as residencias abertas, nos concellos de Trabada, Pol, A Fonsagrada e Castroverde, como as que a institución ten previsto abrir de maneira máis inmediata, como son as de Pedrafita, Navia de Suarna e Meira, e tamén a de Ribas de Sil, “o que dá boa conta da previsión e da vontade de cumprir os compromisos cos concellos que ten este Goberno provincial con respecto á posta en marcha dos centros de maiores”, subliñou Pilar García Porto.

A adxudicataria resultou a empresa Gestión Energética Abeal SL por un importe de case 61.000€ e por un período que vai ata o 20 de xuño de 2022.

En canto á residencia de Ribadeo, non está incluída porque o Concello asume os gastos correntes, como os deste servizo.

Plan Único

A Xunta de Goberno aprobou tamén hoxe a solicitude dos concellos de Chantada, Rábade e Muras para a aplicación de remanentes do Plan Único 2020 por un importe conxunto de máis de 110.000€ a novas obras. En Chantada destinaranse 62.000€ da Deputación á rexeneración das beirarrúas de Carlos Otero Díaz e Concepción Arenal, ao reforzo estrutural da planta primeira da casa escola de Nogueira, ao cerramento da casa escola de Santiago de Arriba e á rehabilitación da casa escola Santa Uxía. En Rábade dedícanse 35.400€ para a pavimentación da rúa Fernando Arias e, no caso de Muras, destínanse 13.300€ para o financiamento da mellora dos accesos en Valiña e Aborbó e a mellora da eficiencia enerxética na casa consistorial.

Plan anual de contratación 

Na reunión de hoxe o Goberno deu o visto bo ao Plan Anual de Contratación 2021, un documento de obrigada elaboración segundo establece a Lei de Contratos do Sector Público, no que a Deputación fai unha previsión estimativa dos procedementos de contratación de servizos, subministros e obras que desenvolverá a institución ao longo deste ano. En concreto, este plan prevé que a Deputación sacará adiante neste ano preto de 200 contratos por un importe total duns 16,5M€.

“Trátase dun documento de traballo que reflicte a capacidade de planificación, de xestión e de transparencia deste Goberno, e que resulta tamén unha boa oportunidade para o mellor funcionamento da estrutura desta Deputación xa que se traballa con previsión de futuro, e coa racionalización de medios e tempos”, explicou a voceira socialista do Goberno.

Estrada de Sober a Doade

Outro dos acordos adoptados este venres pola Xunta de Goberno foi a aprobación do Plan de Seguridade e Saúde para acometer obras de mellora na estrada provincial que une Sober e Doade, a LU-P-5903. A Deputación arranxará preto dun quilómetro desta vía, entre o punto quilométrico 13 e o 13,740, cun investimento de 97.400€ e un prazo de execución de 9 meses. Trátase dun dos tres tramos que unen Sober coa estrada autonómica de Monforte a Castro Caldelas pendentes de acondicionar. É unha estrada que ten relevancia social e económica, pois pasa pola parroquia de Amandi, e dá servizo á veciñanza e ás persoas que se achegan á zona.

Catamaráns

Por outra banda, a voceira socialista explicou que a Axencia de Colocación da Deputación publicou unha oferta de emprego para a cobertura de 10 postos no servizo de rutas fluviais en catamaráns pola Ribeira Sacra e posteriormente a empresa pública Tragsa, encargada do servizo, será a que se ocupe de facer a selección do persoal. O prazo para a presentación de candidatos remata o vindeiro mércores, día 3 de marzo, e posteriormente Tragsa seleccionará ás persoas para cubrir os postos de traballo.

Precísanse 6 persoas para desenvolver os labores de informador de turismo, 2 para o de mariñeiro e 2 para o de patrón portuario da mariña mercante. Estas persoas desenvolverán o seu traballo dende o inicio da tempada, que arrancará o 19 de marzo.