Skip to main content
Burela

Burela aproba o programa de obras do Plan Único

Por 5 Febreiro, 2021Sin comentarios

Casa do Concello de Burela

O Concello de Burela aprobou onte en pleno ordinario o Plan Único da Deputación que ascende a 385.000 euros, dos que 138.000 estarán destinados a investimentos. As actuacións máis importantes son o arranxo do Camiño Real e de varias beirarrúas, así como a remodelación do parque da praia da Marosa. O Plan Único contempla a creación de 11 postos de traballo, entre os que destacan dous de socorristas durante tres meses. Na sesión plenaria foron desestimadas sete das trece alegacións presentadas ao inventario municipal. As persoas ou colectivos que as plantexaron dispoñen dun mes para axuntar a documentación que xustifique as súas peticións. Por unanimidade foi aprobada unha moción do equipo de goberno para demandar achegas á Xunta destinadas ao Servizo de Axuda no Fogar.

O alcalde burelés, Alfredo LLano, explicou que “no pleno de onte aprobouse o Plan Único para efectualo durante este ano. O seu importe é de 385.518 euros, dos que a Deputación aporta 376.000 e o resto o Concello de Burela. Vaise empregar en diversas actuacións e a máis importante é o programa de investimentos que absorbe 138.000 euros. Imos facer basicamente tres obras que creo que son fundamentais. Unha delas é a rehabilitación de firme e mellora da rúa Camiño Real, onde imos non soamente asfaltar e pintar senón que tamén imos aproveitar para modificar unha serie de canalizacións que xa están obsoletas e facer a separación de augas pluviais e residuais, polo tanto vai ser unha obra completa. Tamén imos facer a reconstrución de diferentes beirarrúas, sobre todo en Nosa Señora do Carme pero ademais noutras que están previstas. E por outra banda imos colocar un parque infantil novo na praia da Marosa porque consideramos que iso vai atraer xente, sobre todo á veciñanza de Burela, para desfrutar cos rapaces desas instalacións”.

O rexedor engadiu que “se sigue mantendo o programa de axuda no fogar, que contará de 40.000 euros a través do Plan Único. No programa de fomento do emprego, este ano, hai unha variación porque imos empregar a once persoas cando o ano pasado empregamos a dez. Vai haber dous socorristas que van estar non dous meses, como estiveron o ano pasado, senón tres meses porque consideramos que é fundamental que abarquen ese espazo de tempo, que antes se viña facendo cando a Xunta colaboraba ao cen por cen cos Concellos, pero agora reduciron ese período a dous meses. Nosoutros entendemos que teñen que estar ben atendidos estes servizos e por iso aumentamos a tres meses os dous socorristas. Tamén vai un auxiliar administrativo, un técnico de turismo, dous conserxes, un peón de obras, un oficial de obras, un dinamizador de redes sociais e dous monitores de tempo libre, que teñen moita demanda no verán e esperamos que este ano se poidan realizar actividades sen ningún problema. En total serían once postos de traballo e iso é o que queremos facer. A empregabilidade é algo que nos preocupa e desde o Concello, a través deste Plan Único e outros plans de cooperación, imos intentar que a empregabilidade se note e se poida empregar a moita xente que hai agora mesmo está desempregada”.

Llano seguiu a relatar que “o programa de actividades culturais este ano recolle a sexta Feira do Libro, o Certame Internacional de Pintura Amarte e un certame que queremos facer este ano como novidade de vídeoclips musicais porque queremos desta maneira promocionar a nosa Escola de Música e motivar aos rapaces para que estuden música. No programa de actividades deportivas están, entre outras, a carreira popular Burela Bonita, o torneo de fútbol sala Héroes de Orzán, a ver se este ano podemos efectualo porque é moi importante tanto para o deporte base como para mover unha gran cantidade de rapaces e rapazas de todo o estado e incluso de Portugal, o ano pasado ían vir sobre setecentos rapaces e a ver se este ano podemos conseguilo para finais do mes de xuño. Tamén está o sexto torneo da Marosa Cup, que a ver se podemos celebralo este ano, xa  que o pasado non se puido facer nada disto. O programa de actividades turísticas vai concentrado nas rutas xeolóxicas que están dando moi bo resultado. A administración electrónica tamén recibe 11.300 euros deste Plan Único, Protección Civil leva 1.500 e hai unha achega directa para problemas derivados do covid que este ano terá preto dos 69.000 euros. Unha vez aprobado este Plan Único, agora xa se pode empezar a mover tanto o tema da empregabilidade como o resto que están planificados”.

O alcalde dixo que “outro punto que levamos na orde do día foi o relativo a atender as alegacións que se presentaron ao inventario municipal. Houbo trece alegacións das que se desestimaron sete porque carecían de documentación que xustificaran o que se solicitaba. Estas sete desestimadas van ter un mes, unha vez que sexan publicadas, para presentar a documentación”.

E engadiu: “tamén levamos unha moción, a iniciativa do Partido Socialista, para solicitar á Xunta de Galicia máis achegas para o Servizo de Axuda no Fogar. Hai que ter en conta que, derivado do covid, todos os Concellos tivemos que incrementar moitísimo a capacidade para poder facer fronte á problemática que ven derivada de aí. Durante a pandemia o incremento de usuarios do SAF foi incrible. Solicitamos á Xunta un incremento das achegas para que se adapten aos salarios actuais e que faga fronte aos copagos que viña facendo a xente”.