Skip to main content
BurelaMar AMARIÑAXA

Expomar non se celebrará este ano pero si xornadas técnicas

Por 9 Febreiro, 2021Febreiro 17th, 2021Sin comentarios

O alcalde de Burela e presidente da Fundación Expomar, Alfredo Llano, anunciou que en maio deste ano non se celebrará unha nova edición da Feira Náutico Pesqueira, debido á situación sanitaria que estamos a vivir. A Fundación mantén as Xornadas Técnicas e o Encontro Empresarial, que se desenvolverán de xeito telemático.

Alfredo Llano, tras a xuntanza que mantivo nas últimas horas a Fundación Expomar, explicou que “a nosa conclusión unánime é que no mes de maio é imposible facer nin a Feira Expomar nin calquera outro evento que requira gran movemento de material e de persoas que teñen que estar nun recinto. Polo tanto, en principio decidimos non convocar a ninguén para a Feira Expomar deste ano. Imos observar como vai a seguridade sanitaria, como vai evolucionando todo pero, evidentemente, se vemos que non hai seguridade e pode repercutir negativamente na celebración dunha Feira Expomar de baixo nivel non a imos facer. Iremos tomando as decisións correspondentes a medida que pase o tempo”.

O alcalde burelés subliñou que “queremos que o sector náutico pesqueiro sexa protagonista e estea sempre aí. Polo tanto, imos manter as Xornadas Técnicas e o Encontro Empresarial no mes de maio. Será seguramente de xeito telemático e miraremos os mellores temas e os mellores profesionais para participar nas conferencias onde analizar a situación do sector porque realmente é algo que preocupa. Tamén procuraremos contar coa celebración unha vez máis do Consello de Pesca de Galicia”.

O presidente da Fundación Expomar dixo que “imos reunirnos de novo en abril para falar deste tema. Unha vez que pase a Semana Santa volveremos xuntarnos con propostas para facer unhas Xornadas Técnicas coa xente máis implicada. Iremos observando como evoluciona todo no seu conxunto,e veremos como é posible facer, xa que hai outras feiras que tamén se están anulando, e iremos entón tomando decisións. Evidentemente, agora tal e como están as cousas, é moi complexo tomar algunha decisión en firme, pero temos un interese total polo sector náutico pesqueiro e desde a Fundación Expomar queremos facer o máximo posible para que o sector estea ben representado”.