Skip to main content
Burela

A Policía regulará o tráfico en Burela arredor do centro de saúde

Por 19 Febreiro, 2021Sin comentarios

A Policía Local regulará o tráfico a partires do vindeiro luns, 22 de febreiro, nas inmediacións do centro de saúde para facilitar o acceso dos maiores de 80 anos que acudan a vacinarse contra a covid-19. As persoas que teñan mais problemas de mobilidade poderán chegar en coche ata as portas da instalación a través da Praza do Concello, segundo anunciou esta mañá o alcalde burelés, Alfredo Llano.  

O rexedor dixo que “se vai iniciar a vacinación para as persoas maiores de 80 anos este vindeiro luns en Burela e o Concello, que tamén está facilitando o labor para facer as probas PCR, actuará da mesma maneira coa vacinación. Entón a partir do luns ás 9 da mañá, cando comezarán as vacinacións da xente que está convocada para ese día, vamos organizar o tráfico de vehículos para que as persoas que vaian vacinarse entren pola Praza do Concello para dirixirse ao centro de atención primaria. Indicaráselles perfectamente onde teñen que aparcar”.

Llano explicou que “isto facémolo para que haxa organización e fluidez para levar a cabo este labor. Vaise pechar unha parte da rúa Eijo Garay para facilitar o acceso dos coches que traian persoas que veñan vacinarse. Para iso haberá na zona axentes da Policía Local informando e dirixindo o tráfico para que accedan ao centro de saúde, onde serán vacinados. Anunciámolo xa para que ninguén se sorprenda de que a partir do luns haberá esta actuación no tráfico para favorecer que as persoas maiores de 80 anos empecen a vacinarse”.

O alcalde engadiu: “estivemos falando cos responsables de Atención Primaria desta campaña, que vai durar un mes e medio como mínimo a vacinación das persoas maiores de 80 anos. Por tanto hai que ter paciencia e esperemos que a todos nos toque ir vacinarnos e que dean un resultado positivo”.

Ao centro de saúde burelés acudirán a vacinarse veciñas e veciños doutros concellos mariñáns próximos.