Skip to main content
Cervo

Comuneiros de San Román firman con Samca a posta en marcha da mina de caolín

Por 9 Febreiro, 2021Sin comentarios

Os membros da comunidade de montes veciñais de Vilaestrofe, situada en San Román de Cervo, acordaron na súa asemblea que a mina de caolín situada no monte da Rañoeira poida volver ser explotada. O proxecto foi aprobado polo voto unánime dos asistentes, que foron un total de 40, dos 63 comuneiros.

O proxecto de explotación estará ao cargo do Grupo Samca, que ten previsto a extracción de caolín en 68 hectáreas de monte comunal, o dobre do que se fixera ata o de agora. O acordo será por 30 anos, prorrogable a outros 5.

O acordo coa empresa mineira implica o pago de tres cánones anuais que se irán incrementando a medida que a mina amplíe a súa produción.

Tamén está prevista a construción dunha planta de produción nos terreos de San Román que podería entrar en funcionamento nun prazo de tres anos. Os comuneiros, no acordo, recollen que serán os primeiros en acceder aos postos de traballo que se creen con esta construción.

Así mesmo, está previsto que a empresa realice un plan de reforestación naqueles terreos que se vaian deixando de explotar para volver a mans da comunidade de montes e recuperar o seu uso forestal.

Os primeiros traballos que se acometerán serán os de mantemento e conservación, en especial nas balsas, tras cinco anos sen actividade. Tamén se fará un estudo dos recursos e reservas.

Esta mesma empresa tamen explotará caolín das minas de Monte Castelo de Burela, con cuxa comunidade de montes xa firmou un contrato para 22 hectáreas de terreo.