Skip to main content
Foz

O PP de Foz pide o arranxo da pista da praia de Arnela

Por 10 Febreiro, 2021Sin comentarios

O PP de Foz, da man do seu voceiro, Javier Castiñeira, esixe ao goberno local que arranxe de maneira inmediata a estrada que vai á praia de Arnela. O popular traslada esta petición aos dirixentes do Concello, unha vez recibidas as queixas de numerosos veciños a este respecto.

Para o Grupo Municipal do Partido Popular esta vía non pode continuar no estado no que se atopa, pois trátase dun acceso moi empregado polos veciños das parroquias de Mañente e de Villaronte, así como por moitos visitantes durante os meses de verán que pasan as vacacións neste municipio de A Mariña.

O certo é que as fochancas son visibles e profundas, constituíndo así un risco para os usuarios, ademais de dar unha mala imaxe de cara aos futuros turistas que se acheguen durante a época estival ata o arela de Arnela.

2ª petición do PP

Os populares vense na obriga de volver a reclamar unha actuación urxente nesta vía, debido a que a entidade local non levou a cabo ningún tipo de mellora desde hai tempo, e iso, aclara Castiñeira, “que xa en maio de 2020, no pleno, o Grupo Municipal do Partido Popular presentou un rogo para que o goberno local arranxase esta estrada que vai aos Fondás e que dá acceso a dita praia. Se daquela estaba en moi mal estado, meses despois, e sen haberlle tocado, está aínda moito peor”, puntualiza o líder dos populares de Foz.

Ademais, remarca o dirixente do PP local que o seu acondicionamento “se puido facer con fondos municipais, incluso co Plan Único de 2020”. Dado que a inacción do goberno local foi notable e absoluta respecto deste asunto, o voceiro do PP pídelle ao alcalde socialista que este ano inclúa esta obra no Plan da Deputación, “aínda que non sabemos, di, se se está a elaborar”. E é que, segundo afirma, “é moi necesario este trámite canto antes, xa que esta vía está, no día de hoxe, nunhas condicións deplorables”.